O Consello de Administración do Deportivo dimite e cesa Rubén de la Barrera

O Consello de Administración do Deportivo decidiu convocar unha Xunta de Accionistas para o día 17 de xullo na cal se nomeará un novo Consello
Antonio Couceiro (centro), presidente do club, xunto a outros membros do Consello de Administración do RC Deportivo (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Antonio Couceiro (centro), presidente do club, xunto a outros membros do Consello de Administración do RC Deportivo (Foto: RC Deportivo).

A convulsa situación no seo do RC Deportivo da Coruña continúa poucas xornadas despois perder un frenético partido ante o Castellón que relegaba os branquiazuis a continuar unha temporada máis na terceira división (denominada 1ª RFEF) do fútbol estatal.

Ante esta situación o club comunicou a última hora desta cuarta feira a renuncia de todos os membros do Consello de Administración así como do adestrador, Rubén de la Barrera.

“O presidente e todos os membros do Consello de Administración do RC Deportivo decidiron renunciar na tarde de hoxe. A decisión foi tomada para favorecer o proceso de reestruturación do club de cara á nova temporada”, comeza o comunicado da entidade coruñesa.

Para alén diso, comunicaron a súa intención de convocar unha Xunta de Accionistas: “Na súa última reunión, o Consello decidiu convocar unha Xunta de Accionistas para o día 17 de xullo na cal se nomeará un novo Consello. Á fronte do Club estará David Villasuso Castaño, como apoderado xeral”.

Área deportiva

“A reestruturación incluirá a área deportiva. O actual adestrador, Rubén de la Barrera, non dirixirá ao RC Deportivo a próxima temporada”, comunican desdes o Deportivo.

Ademais, aproveitaron para desmentir que o equipo “vaia a incorporar ningún dos teóricos nomes que saíron repetidamente nos medios de comunicación como candidatos a dirixir a área deportiva. Nos próximos días tomarase a decisión definitiva”.

“O RC Deportivo agradece a dedicación ao Club tanto do Consello como do adestrador Rubén de la Barrera”, finaliza o comunicado.

Haberá que agardar para ver que depara o futuro inmediato aos branquiazuis que xa miran de cara á próxima temporada en busca do ansiado ascenso á segunda división do fútbol estatal.

Comentarios