O Racing ascende a Segunda mentres Dépor e Celta B xogarán a promoción

Fin de semana de festa en Ferrol mentres en Vigo e A Coruña agardan superar a fase de ascenso.

O Racing levouse a vitoria na Malata (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Racing levouse a vitoria na Malata (Foto: Nós Diario).

Xornada de derbis a desta fin de semana que rematou coa vitoria do Racing diante do Celta B na Malata cun marcador final de 2-0 que certifica o ascenso do equipo do Ferrol á categoría de prata.

Será o cuarto ascenso nos últimos 23 anos do equipo que adestra Cristóbal Parralo, despois de conseguilo en 2000, 2004 e 2007. A festa continuaba este domingo tras unha vitoria nada doada ante un Celta B combativo que tamén quería dar unha boa imaxe en Ferrol.

O encontro, que rematou con dous goles de Jardí e a expulsión por dobre cartón marelo do celeste Iván López. Con este resultado o Celta B tamén quedaba clasificado para xogar a fase de ascenso ao non pasar do empate o Linares co San Fernando (1-1).

Agora, os xogadores Claudio Xiráldez mediranse ao Eldense, un equipo que dominou o grupo segundo de Primeira Federación durante case toda a tempada pero que cedeu a última hora en favor do Amorebieta. A ida será a vindeira fin de semana en Vigo e a volta, unha semana despois, en Elda. Se superan a proba, os celestes xogarían contra o vencedor do Barcelona Atlètic e o Real Madrid B.

O Dépor xogará o ascenso

O outro derbi da xornada era o que reunía en Pasarón ao Pontevedra co Deportivo (1-1). O resultado final definiu un encontro que serviu para concretar a posición dos coruñeses nos lugares de ascenso mais tamén para descartar polo que queda de tempada a Quiles por lesión.

Desta maneira o Dépor terá que xogarse o ascenso á Segunda División contra o Castelló e, de pasar, enfrontaríase  contra o gañador do Alcorcón-Real Sociedade B.

Comentarios