Fútbol

Rubén de la Barrera volta ao Dépor após a destitución de Óscar Cano

O técnico chega coa misión de loitar polo ascenso no play-off.
A intensidade foi a característica principal dos primeiros adestramentos dirixidos por Rubén de la Barrera. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O técnico coruñés regresa a Riazor. (Foto: RC Deportivo)

O que nas últimas horas era un segredo a voces é oficial desde hai escasos minutos. O Real Club Deportivo vén de confirmar o retorno a Riazor do que fora o seu adestrador entre xaneiro e maio de 2021, Rubén de la Barrera (A Coruña, 1985), que se fará cargo do equipo a partir do adestramento previsto para esta cuarta feira.

Acompañarao no banco como segundo técnico o ex futbolista Francisco Noguerol, que xa exercera esta función con De la Barrera na súa experiencia —a última até agora— en Albacete, após ser cesado no Dépor. Foi na tempada 2021-22, que rematou co ex adestrador branquiazul arrebatándolle o ascenso a Segunda en Riazor.

De la Barrera iniciou a súa carreira como técnico no CD Villaralbo en Terceira División con só 25 anos, após pasar por diferentes equipos de formación do fútbol amateur coruñés.

O CD Guijuelo (2013-2014 e 2015-2016) abriulle as portas da extinta Segunda B, adestrando entre ambos os períodos o filial do Real Valladolid. A súa experiencia máis prolongada foi á fronte da Cultural Leonesa, con 91 partidos e un histórico ascenso a Segunda División.

Tamén foi durante media campaña, a finais de 2018, o segundo adestrador de Asier Garitano na Real Sociedade en Primeira División. Ao RC Deportivo dirixiuno en 15 partidos, con 7 vitorias, 3 empates e 5 derrotas.

O clube anunciou a última hora desta segunda feira a destitución de Óscar Cano, que deixou o equipo na cuarta praza con 63 puntos, con cinco de vantaxe sobre o sexto e a seis, a falta de dous partidos, do líder Rácing de Ferrol.

Agora De la Barrera tentará garantir a presenza do Dépor no play-off de ascenso e loitar por se facer un oco na próxima campaña nunha categoría de prata que vén de perder o seu único representante galego dos últimos tres anos, o CD Lugo.

Comentarios