Análise

O corazón branquiazul desángrase

As chaves do enésimo fracaso do Deportivo na terceira categoría.
O actual Dépor é, estatisticamente, o peor de todos os tempos, pois nunca antes militara catro tempadas seguidas na 'C'. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O actual Dépor é, estatisticamente, o peor de todos os tempos, pois nunca antes militara catro tempadas seguidas na 'C'. (Foto: RC Deportivo).

Este continuará sendo "o peor Dépor da historia". O enésimo fracaso branquiazul no último lustro volve abrir as feridas non cicatrizadas no seo dunha entidade instalada nun estado de eterna convulsión. O Real Club Deportivo perdeu de forma definitiva este pasado domingo o tren do regreso á Segunda División logo de caer contra o Castellón por 4-3 no partido de volta da primeira eliminatoria dos play-off.

Nin Rubén De la Barrera, nin Lúcas Pérez... ningún dos parches polos que se optou coa tempada xa comezada puido corrixir o rumbo dunha nave que desde o comezo mostrou síntomas de ir á deriva. O mal que axexa o club herculino, que acumulará catro tempadas seguidas na terceira categoría por vez primeira na súa centenaria historia, agrávase cun fracaso do que a dirección deportiva é a primeira responsábel.

Coa excepción de Mario Soriano, ningunha das 12 fichaxes materializadas este verán supuxo un salto de calidade, incluíndo estrepitosos fracasos como Ibai Gómez ou Gorka Santamaría. Tampouco en inverno Pepe Sánchez, Saverio, Arturo ou Lebedenko foron diferenciais.

A maiores, a decisión da continuidade no banco dun Borja Jiménez co estigma do fiasco contra o Albacete de De la Barrera na promoción de 2022, así como a aposta e posterior insistencia en non despedir un Óscar Cano que marxinaba sistematicamente dos seus esquemas varios dos futbolistas máis determinantes, caso de Yeremay, están no debe dunha directiva presidida por un Antonio Couceiro que parece limitarse a ser portavoz da vontade de Abanca, o "primeiro accionista", como adoita dicir.

Este, di, "apoia" un proxecto que ten como meta "incrementar a calidade e o valor do que temos para regresar ao fútbol profesional". A eterna promesa dun Consello de Administración que tamén saíu en defensa do cuestionado Ian Mackay.

O veterano porteiro, responsábel en gran parte do desastre en Castellón, onde asinou o peor partido da súa extensa carreira, recibiu unha serie de insultos e ameazas pola súa actuación que levou a club e afección a fechar filas arredor dun gardameta que quizais non volva vestir a elástica branquiazul.

As mulleres do Deportivo perden o ascenso

Alcanzar a Liga F, a categoría profesional do fútbol feminino, era o soño do Real Club Deportivo feminino, pero como no caso dos seus compañeiros varóns, non puido ser. Neste caso a decepción é dupla, porque nesta ocasión parecían definitivamente superados os problemas que lastraran o club na tempada 2021/22 -con suspensións ao adestrador e acusacións de racismo incluídas-, e a vitoria por 4 a 0 no partido inaugural de campionato -co seu conseguinte liderado- levou a pensar que o Dépor si alcanzaría a gloria.

Non obstante, non foi quen de conservar ese posto de privilexio ao longo da fase regular e viuse abocado a disputar o sempre imprevisíbel play-off. Desafortunadamente, e logo de que a sorte estivese ao seu favor na eliminatoria inicial ante o Cacereño, na finalísima contra o Granada a moeda caeu mostrando cruz.

Logo de perder na ida por 2-0, as xogadoras branquiazuis precisaban dunha épica remontada que non chegou, aínda que o gol de Ainhoa Marín no '88 fixo soñar durante uns intres cunha milagre que nunca chegou.


A Galiza contará con catro clubs na Primeira Federación

Concluída oficialmente a tempada futbolística 2022/23 para os clubs galegos, a próxima campaña ofrecerá un escenario bastante similar ao desta última. Deste modo, o Real Club Celta de Vigo volverá ser o único representante do país na máxima categoría, mentres que o Rácing de Ferrol colle a remuda do Club Deportivo Lugo como exclusivo sostén do pavillón galego na Segunda División.

A acompañar os Diaños Verdes aspiraban un Celta B e un Deportivo da Coruña que non conseguiron o seu obxectivo no play-off, polo que continuarán un ano máis nunha Primeira Federación que de novo contará nas súas filas con catro escuadras da Galiza: o primeiro equipo branquiazul, o filial celeste, o antedito Lugo e o o sorprendente Club Deportivo Arenteiro.

Porén, aínda non coñecen os que serán os seus rivais no Grupo Primeiro, pois a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), responsábel da confección dos mesmos, non tomou unha decisión na que promete ser determinante o peso de Andalucía, Estremadura, Ceuta e Melilla, que contan en total con 12 equipos dos 40 que integran a Primeira Federación.

Alí aspira a regresar o recentemente descendido Pontevedra, que coincidirá na Segunda RFEF con Ourense Club de Fútbol, Coruxo, Deportivo B, SD Compostela e Rácing Vilalbés.

Comentarios