Competicións internacionais

Fernando Vázquez e Xulia Vaquero apelan, con Vía Galega, ao dereito a ter seleccións nacionais

A Plataforma Vía Galega presentou o manifesto "Galiza, un pobo, unha selección" para reclamar o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional.
Presentación do Manifesto de Vía Galega (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Rolda de prensa de Vía Galega (Imaxe: Nós Diario)

O manifesto “Galiza, un pobo, unha selección” reclama que as e os deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio, ademais de galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero.

Co texto, que estará aberto a adhesións na web de Vía Galega -que se presentará proximamente-, a plataforma da que é portavoz Anxo Louzao apela ao dereito da Galiza a “estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas”.

Vía Galega promoverá o manifesto entre deportistas, adestradores, federacións, entidades deportivas, peñas e cidadanía en xeral despois de que en citas deportivas tan importantes como a Eurocopa de fútbol e os Xogos Olímpicos, a Galiza, como nación, estea excluída é, por tanto ausente, ao contrario que outras nacións como Escocia e Gales. "Participaron deportistas galegos e galegas, pero non como delegación propia", engadiu Anxo Louzao.

Segundo explicou Louzao, no eido deportivo, como moitos outros, "prohíbese que nos manifestemos, mostremos como galegos e galegas". A finalidade é "borrar os nosos sinais de identidade e impedir calquera avance que reforce a nosa autoestima como pobo", advertiu.

O portavoz de Vía Galega puxo de manifesto que na Galiza “a situación de orfandade e desleixo é total, nin a Xunta nin a Federación Galega de Fútbol son favorábeis a organizar, nin tan sequera, encontros internacionais amigábeis coas nosas seleccións”.

Lamentou que se interrompera “a etapa iniciada, en 2005, polo BNG, que polo daquela estaba á fronte da Secretaría Xeral de Deportes".

"Desde que o PP retomou o Goberno da Xunta (2009) tivo moi claro que había que paralizar estas competicións, aínda que fosen amigábeis, nas que o pobo vibraba e sentía como propias", explicou.

"Daquela Galiza visualizábase como nación, eran as nosas cores, o noso himno, a nosa selección que nos representaba e nos identificaba como galegos e galegas", lembrou. Louzao considera “evidente” a razón: “Queren reprimir calquera manifestación, símbolo ou actuación que  cree cohesión e conciencia nacional e mostre a vontade de sermos nós mesmos".

Neste contexto, Vía Galega avoga por unir “todas as voces para levantar un movemento reivindicativo para que a Galiza, como nación, poida competir en todas as modalidades, categorías, niveis e disciplinas deportivas”.

“Precisamos, para isto, rachar coa nosa dependencia das federacións españolas e crear a nosa organización propia e soberana; necesitamos termos todas as competencias porque, do contrario, continuarán existindo todo tipo de trabas para que Galiza non teña recoñecido o dereito a competir oficialmente”, apuntou Louzao, acompañado, entre outros, por Alexandre Sanmartín Costa, adestrador da selección galega masculina de fútbol gaélico; Pablo da Silva Rocha, adestrador da selección galega feminina de fútbol gaélico; Pedro Gómez Val, presidente do C. Xabaríns-volei Lugo; Serafín Carballo Carballeira, subcampión do Estado Español de 1500 m; e Anxo Amado, directivo do Santiago-Futsal.

Alén dos xa citados, asinaron inicialmente o manifesto Fernando Vázquez, ex adestrador do Celta e do Deportivo, alén de seleccionador nacional; Pili Neira, adestradora da selección galega feminina de fútbol; Xulia Vaquero, plusmarquista dos 5000 m, noveno posto olímpico en 10.000 m en Atlanta 96 e subcampioa europea de cross; Antón Ruanova, subcampión do Estado Español de tríatlon; Alba Cuba Dorado, subcampioa estatal junior de declatón; Hugo Sánchez Flores, xogador do Fútbol Sala Santiago-Futsal e Burela e mellor deportista lucense de 2011; Cristina Fernández Piñeiro, primeira muller árbitra de balonmán en Europa; Fiz Rodríguez, segundo adestrador da SD Compostela; Román Sánchez Besteiro, coordinador da Federación de Peñas do C.D. Lugo; Óscar Martínez Souto, árbitro de fútbol; Adolfo Sainz Maza, campión galego de Decatlón; Adrián Carreira Penalonga, atleta de Decatlón; Ismael Romero Saborido, remeiro do Clube de Remo de Cabo da Cruz da liga ACT; Daniel Vázquez Labrada, remeiro do Clube de Remo de Ares da liga ACT; Bernardo Máiz Bar, remeiro do Clube de Remo de Ares da liga ACT; Xurxo Souto, impulsor das seleccións e de Seareiras Galegas; Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e de Educación Física da UDC; Manuel Polo, licenciado en Educación Física e adestrador de atletismo; Severino Gómez Neira, director técnico do Club A Cambadela; Xan Rodiño, presidente da Asociación Cultural e Deportiva de Billarda Rías Baixas e impulsor da Liga Nacional de Billarda e Anxo Amado, directivo do Santiago-Futsal.

Comentarios