Siareir@s Galeg@s: "Defendemos a oficialidade da selección galega desde hai 15 anos"

Siareir@s galeg@s organiza máis un encontro da selección nacional este 28 de decembro. Desde este colectivo sinalan que o obxectivo da xornada é "reivindicar a oficialidade da selección" mais tamén que "o deporte é algo de todos". 

Este 28 de decembro a cidade de Lugo acollerá máis un partido da selección galega. Desde que en 2009 "a Xunta volveu a mans do Partido Popular" estes encontros non contan co apoio da administración galega. Porén, Siareir@s continúa a organizar anualmente un amistoso que levou @s nos@s xogador@s a se enfrontar ao Curdistán, o Sáhara ou Palestina. 

Sen máis financiamento que a venda de material e entradas, desde Siareir@s galeg@s defenden que o seu obxecto "non é reivindicar un partido de fútbol no Nadal", senón "a oficialidade de todas as seleccións en todos os deportes", explica Raul Rios, un dos seus integrantes. "Hai que pensar", sinala, "que o deporte debera ser algo de todos, ao igual que a lingua" e non, di, "unha reivindicación dos nacionalistas". Neste senso, reclaman a implicación de todos os sectores da sociedade na loita a prol das seleccións nacionais para "pór en valor" o deporte da Galiza, unha nación que ten un bo feixe de deportistas na elite mundial. 

Os paus na roda do PP (e do PSOE)
Así é que, embora non recibir ningunha axuda económica das institucións galegas, Raul Rios salienta que isto non supón "ningunha dificultade", se ben recoñece que aqueles encontros masivos en Riazor, Balaídos ou San Lázaro que contaban co apoio da Xunta de Galiza "agora organízanse con poucos recursos". 

"Hai que fuxir dos concellos do PP", afirma, pois as localidades gobernadas pola dereita --mais tamén aquelas rexidas polo PSdeG-PSOE-- "non che ofrecen nen o campo", asegura. "Ao final apoian os de sempre". Este é o caso da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, gobernada polo BNG. O organismo provincial apoiou a celebración do amistoso Galiza-Occitania na cidade amurallada e mesmo se amosou "orgullosa" de que for Lugo a elixida para albergar o encontro, indicou o seu vice-presidente, Antón Veiga. 

Mais desde Siareir@s critican con dureza que quen "máis traban pon" é a Federación galega de fútbol pois, denuncian, "non deixan xogar aos deportistas". Ao contrario do que acontece en Euskadi ou Catalunya, ningún dos xogadores de primeira e segunda división poden responder á convocatoria ao lles impedir a Federación participar. 

Homenaxear o compromiso co deporte, tamén feminino
Así as cousas, Galiza volverá ao terreo de xogo o vindeiro 28 de decembro. Nunha xornada que "visa ser para alén de festiva, reivindicativa". Como cada ano Siareir@s chama a participar na manifestación previa ao encontro para reivindicar a oficialidade das seleccións nacionais "en todos os deportes". Neste senso, a Plataforma galega pola Oficialidade recoñecerá o labor daquelas figuras máis comprometidas co deporte galego, aproveitando o encontro Galiza-Occitania.

Nesta ocasión serán dúas as persoas homenaxeadas, o triatleta Antón Ruanova e a adestradora da selección galega de fútbol praia, Pilar Neira. Raúl Rios asegura que a escolla de ambas as dúas responde "para alén do seu éxito" profesional ao recoñecemento "ao seu compromiso co deporte galego". Especialmente, no caso de Neira, "polo seu compromiso co deporte feminino" pois, din, "un dos nosos piares é a visibilización das mulleres no deporte". 

Desde Siareir@s apoian a escolla destas dúas persoas e aseguran que unha das súas loitas é tamén "derrubar o machismo no deporte" e, nese senso, salientan, "Pilar é unha figura moi importante no noso país". 

Comentarios