A cidade de Lugo correrá contra o cancro o 30 de abril

O evento solidario está aberto a todas as idades
Efrén Castro e María Luz Abella, na presentación do certame. (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera Efrén Castro e María Luz Abella, na presentación do certame. (Foto: Deputación de Lugo).

A cidade de Lugo acollerá o vindeiro 30 de abril un evento deportivo moi especial, pois trátase dunha carreira popular que pretende concienciar sobre a importancia dun estilo de vida saúdabel, baseado na alimentación adecuada, na actividade física e na prevención do cancro.

Esta foi presentada polo deputado de Deportes de Lugo, Efrén Castro, e a presidenta da Asociación Española contra o Cancro na Cidade da Muralla, María Luz Abella, quen desvelaron as chaves do evento.

A carreira ofrecerá diferentes percorridos en función da idade, cunha proba absoluta e outras para as categorías de menores, estando a saída prevista para as 19 horas con inicio e chegada na praza da Horta do Seminario. Ademais, estará complementada por unha andaina polo adarve da muralla e aberta a toda a poboación. 

As inscricións para participar na carreira ou na andaina poden facerse en liña, e tamén presencialmente na Sede Provincial da Asociación en  Lugo, situada no rúa Carril dos Loureiros, 17, onde tamén se levará a cabo a recollida de dorsais os días 29 e 30 do mesmo mes. Con respecto aos prezos, estes variarán en función da categoría e da proba, comprendendo un rango entre os dous e os 10 euros.

A área de Deportes lanza unha serie de bolsas

A Marcha contra o Cancro non é a única novidade nas últimas horas relacionada coa área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, pois xa está aberto o prazo de solicitude das bolsas para deportistas de modalidades individuais que lanzan anualmente.

Segundo se detalla na convocatoria, publicada no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para solicitar estas achegas -nun número total de 815 e que oscilan entre os 300 e os 2.500 euros- estenderase até o día 8 de abril. O seu obxectivo é "fomentar a participación continuada e progresiva dos e das deportistas lucenses de base nas distintas disciplinas,  recoñecendo os seus logros e favorecendo o progreso na súa formación integración integral".

O deputado de Deportes, Efrén Castro, sinalou que  pretenden "incentivar e recompensar o seu esforzo por mellorar a nivel deportivo, especialmente nas etapas de iniciación, que son a principal meta desta liña de apoio ao deporte, ademais do impulso da igualdade".

Comentarios