Chuvia de reforzos nos equipos galegos no feche do mercado de inverno

O mercado de inverno futbolístico veu este ano farturento de noticias. Non é de estrañar: os equipos galegos están lonxe de conseguir os seus obxectivos e precisaban de reforzos nunha ventá, a de xaneiro, habitualmente pouco propicia para as boas operacións deportivas (outra cousa é o suculento negocio dos representantes). O Lugo é o clube que máis apostou no casino de xaneiro: 6 incorporacións, por tres do Celta e dúas do Dépor.

Boudebouz
photo_camera Boudebouz, reforzo do Celta, fotografado na súa época bética

Un denominador común caracteriza a andaina dos tres equipos galegos de elite do país: ningún deles ten nin moito menos garantida a consecución dos seus obxectivos. O Celta habita na zona abisal da táboa, directamente en postos de descenso. O Dépor non dá enganchado coas dúas prazas que dan acceso directo á máxima categoría (na Praza de Pontevedra a idea é que o play off é máis ou menos unha lotaría). O Lugo ten moito aínda que sachar se quere fuxir do espectro do descenso.

O Xeneral Inverno desta volta chegou en forma de chuvia de fichaxes e cesións para os clubes galegos. Vexamos:

Celta:

Ryad Boudebouz (1990). Centrocampista zurdo. Francés. Procede do Betis. Cesión até 30 de xuño con opción de compra.

Lucas Olaza (1994). Uruguaio. Clube de procedencia, Boca Juniors, escadra coa que disputou a final da Copa Libertadores. Xa militou no Celta, brevemente, durante a temporada 2015/2016. Cesión polos próximos 18 meses.

Wesley Hoedt (1994). Internacional absoluto con Holanda. Defensa central. 1,92 m. Procede do Southampton. Vén cedido con opción de compra.

Canto ao capítulo de baixas, deixan Balaídos Junior Alonso (rumbo ao Boca Juniors), Mazan (ao Venezia), Roncaglia (ao Valencia) e Denis Eckert (cedido ao Excelsior Rotterdam).

Lugo:

Gerard Valentí (1993). Lateral dereito. Procede do Deportivo. Chega até final deste curso.

Hernán Menosse (1987). Central uruguaio. Vén do Belgrano. Cesión até 30 de xuño.

Manu Barreiro (1986). Dianteiro compostelán. Ficha por tres temporadas procedente do Nàstic de Tarragona.

Tete Morente (1996). Extremo. Cesión até final de temporada con opción de compra. Vén do Nàstic.

Orest Lebedenko (1998). Internacional ucraíno sub21. Traspaso até 2023. Lateral esquerdo procedente do FC Karpaty Luiv.

Toni Martínez (1997). Dianteiro. Cesión até 30 de xuño. Procede do West Ham.

As portas do Lugo abríronse tamén no sentido saída: no sprint final do mercado, na mesma noite do 31X, selou o traspaso do centrocampista nixeriano Ramón Azeez ao Granada polo que fica de curso e por tres temporadas máis. Ao mesmo destino enderezáronse os pasos do central Bernardo Cruz, en tanto que o dianteiro Jean Marie Dougou foi cedido ao Lleida até a conclusión do presente campionato. O epígrafe de vendas no balanzo económico do clube complétase coa do lateral esquerdo ucraíno Vasyl Kravets, que se incorporou ás filas do Leganés.

Deportivo:

Íñigo López (1982). Chega á Coruña coa carta de liberdade e asina até final de campaña. Central moi veterano, procede do Extremadura e sabe ben o que é ascender: conseguiuno con Granada e Huesca.

Nahel Leiva (1996). Arxentino de Rosario, vén cedido até 30 de xuño polo Olympiacos. Formouse na canteira do Villarreal, equipo co que debutou en Primeira División aos 17 anos. Foi campeón de Europa sub19 e con destaque: anotou o gol que lle deu o triunfo á selección española na final, fronte Rusia.

Canto ás saídas, abandona Riazor Carles Gil. talentoso media punta que non callou no combo que adestra Natxo González e que probará agora fortuna na MLS (Major League Soccer), en concreto nas filas de New England Revolution.

Comentarios