A chegada de Rafa Benítez ao vestiario causa expectación no Celta

Primeiro adestramento do técnico celeste en Vigo.
Rafa Benítez adestrando (Foto: RCCelta).
photo_camera Rafa Benítez adestrando (Foto: RCCelta).

A chegada de Rafa Benítez ao Celta está a espertar moita expectación. Na presentación do adestrador esta segunda feira en Vigo, o club informaba que a emisión multiplataforma da rolda de prensa foi seguida  unha media de 4.000 espectadores e un pico de máis de 6.000 celtistas. 

No aspecto deportivo, Benítez xa pisou a cidade deportiva de Mos para preparar a pretempada. Nela non estiveron, como xa se anunciara, nin Santi Mina nin Alfon González ademais dos xogadores con compromisos coa selección estatal, Manu Sánchez e Gabri Veiga

Con todo, o preparador traballou con 25 xogadores, entre eles Iago Aspas. Entre as caras novas con respecto á tempada pasada, estaban xogadores do filial e outros que voltaban despois de ser cedidos. No primeiro caso estaban Gael Alonso, Hugo Sotelo e Tincho Conde. No segundo retornaban José Fontán, Sergio Carreira e Miguel Baeza. Ademais, o técnico celeste contou con Williot Swedberg e Rubén Blanco

O calendario desta pretempada para o Celta indica que durante as dúas primeiras semanas os xogadores de Benítez traballarán en Mos. Serán sesións dobres que terán lugar até que o equipo se desprace até o Algarve portugués. 

A preparación en Portugal consistirá nunha concentración de verán que terá como punto de interese un torneo con dous partidos. O primeiro será ante o Ao-Nassr (17 de xullo), o equipo no que milita Cristiano Ronaldo, e o segundo contra o Benfica (21 de xullo). 

A volta a Balaídos está prevista para o 29 de xullo coa proposta dun partido amigábel con motivo do centenario do club. Con esta efeméride tamén está prevista a presentación oficial do himno creado polo músico C Tangana para este próximo 7 de xullo.

Comentarios