O Celta democratiza a súa historia e abre as portas do club cun 'tour' por Balaídos

A escuadra celeste únese a unha corrente en auxe no fútbol mundial.
Os recordos e instalacións interactivas do museo compiten polo protagonismo coas visitas a zonas habitualmente restrinxidas ao público. (Fotos: RC Celta)
photo_camera Os recordos e instalacións interactivas do museo compiten polo protagonismo coas visitas a zonas habitualmente restrinxidas ao público. (Foto: RC Celta)

O fútbol conta cunha evidente dimensión patrimonial e cultural que vai máis alá da propiamente deportiva. E iso que, a pesar de ser un dos fenómenos sociais máis importantes do século XX e do que vai de XXI, foi sistematicamente desprezado, recibindo mesmo acusacións de ser o "opio do pobo", en referencia á frase acuñada sobre a relixión por Karl Marx na Crítica da Filosofía do Dereito de Hegel a mediados do XIX. 

Este concepto embebido de elitismo foi popularizado por unha intelectualidade que consideraba o deporte da pelota xa non como un entretemento vacuo, senón como un obstáculo que afastaba as masas da elevación colectiva e mesmo da revolución, como demostra Vicente Risco no fragmento que lle dedica en O porco de pé.

Polo contrario, nas últimas dúas décadas colleu forza unha corrente oposta, que reivindica a relevancia do fútbol na estrutura e a dinámica social, política, económica e cultural dos pobos.

Unha das súas principais consecuencias foi a creación de museos futbolísticos. Enraizados no auxe da Nova Museoloxía, que progresivamente e desde Maio do 68 vén democratizando e achegando ás masas estas institucións, foron evolucionando até tornar en auténticos negocios multimillonarios con formato de centros de ocio multimedia

Sirva como exemplo o coñecido como Tour Bernabéu, que xa é unha das atraccións turísticas máis importantes da capital do Estado, o terceiro museo máis visitado -só por detrás do Prado e o Raíña Sofía- da cidade e o primeiro por volume de ingresos. Tanto é así que durante os meses de feche total durante os inicios da pandemia da Covid-19, en 2020, o Real Madrid deixou de ingresar 100.000 euros diarios só en concepto de venda de entradas e de recordos dun Tour que en 2019 facturou 17 millóns de euros e para o que adquiriron o seu boleto 1.300.000 persoas, 55% delas estranxeiras.

O Centenario celeste, a escusa perfecta

Conscientes deste fenómeno, e coa perfecta escusa da celebración do Centenario, desde o Real Club Celta trazaron unha forma de "achegar a historia do equipo á afección dun modo entretido, didáctico e emotivo" que denominaron Tour Balaídos e que definen como "unha iniciativa moi anhelada que por fin se fai realidade".

A visita, para a que xa se poden adquirir os boletos a un prezo de nove euros as persoas adultas e cinco as crianzas, poderá realizarse todas as sextas, sábados e domingos cun punto de partida estabelecido xunto aos despachos da bancada de Gol.

Desde aí accederán ao Museo Celeste, que ofrecerá un traxecto integral e interactivo polos 100 anos de historia do Celta a través de ferramentas multimedia e recordos como trofeos, bandeirolas ou camisetas. 

Inmediatamente despois, os seareiros e seareiras descenderán até o antigo túnel de vestiarios para emular os Pahíño, Gudelj e compañía, pisando o céspede de Balaídos e accedendo a zonas habitualmente restrinxidas ao público, como os vestiarios ou a sala de prensa, finalizando o Tour, como é habitual, na tenda oficial. Porque sentimento e negocio, polo menos no fútbol, non son incompatíbeis.

Comentarios