Fútbol

O Celta arrinca a era Benítez: "Quero un equipo competitivo para que o seareiro estea contento"

O novo técnico dirixe esta tarde o seu primeiro adestramento con 24 futbolistas ao seu dispor.
Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, durante a súa presentación como técnico celeste o pasado verán. (Foto: RC Celta)
photo_camera Marián Mouriño, Rafa Benítez, Carlos Mouriño e Luís Campos, esta mañá, na sede do Celta. (Foto: RC Celta)

Rafa Benítez xa é, oficialmente, o novo adestrador do Celta. O técnico madrileño asinou na mañá desta segunda feira o contrato que o vincula a Vigo as tres próximas tempadas —o de maior duración durante a presidencia de Carlos Mouriño— nun acto na Sede celeste no que o acompañaron o propio Mouriño e mais a súa filla e directora xeral do clube, Marián, e o responsábel da área deportiva, Luís Campos.

Será o encargado de dirixir o equipo nun dos momentos máis importantes da súa historia, o ano do centenario, "todo un orgullo", dixo, a pesar de que sobre a súa mesa había "máis de 20 ofertas", e todas elas prometendo "moitísimo máis diñeiro". Os cartos, porén, semella que non foron determinantes na súa decisión.

"Foi fácil convencerme, porque este proxecto é o que estaba a buscar", afirmou Benítez na súa primeira comparecencia ante os medios da cidade olívica. Volve así aos terreos de xogo após unha última —e curta— experiencia na Premier League da man do Everton, onde só dirixiu 19 encontros antes de ser destituído, cun balance de 5 vitorias, catro empates e dez derrotas. O adestrador, con todo, puxo altas as expectativas: "Estou acostumado a gañar sempre, gústame mellorar e buscar o equilibrio. O Celta está a medrar e esta xestión vaise notar", subliñou.

Sobre o papel que xogarán as categorías inferiores, defendeu que a súa carreira "é de canteira". "Gústame usar os mozos, mirar para abaixo. Hai que buscar o equilibrio", aseverou, ao tempo que lanzou unha mensaxe á prolífica factoría da Madroa: "Deles depende, as oportunidades hai que gañalas".

O seu proxecto, de tres anos, busca a "estabilidade". "Nin Luís Campos nin eu nos conformamos con facelo ben e xa está. Queremos máis. O obxectivo é seguir medrando, e para iso temos que traballar todos xuntos", enfatizou, reiterando que buscará que o seu equipo sexa "competitivo" para que "o seareiro do Celta estea contento". "Prometo traballo, dedicación e un proxecto estábel", reiterou.

Preguntado polo futuro da perla da celeste, Gabri Veiga, e a súa máis que probábel saída neste mercado estival —tal e como recoñeceu o propio Mouriño—, dixo que conta con el por ser "un xogador moi importante, que vén de abaixo, co positivo que iso supón". "Estaría encantado de que seguise connosco moitos anos, mais ninguén sabe que pasará no futuro", advertiu.

24 futbolistas para empezar a pretempada

Esta tarde Rafa Benítez dirixe esta tarde o seu primeiro adestramento na cidade deportiva Afouteza de Mos con, a día de hoxe, 24 xogadores no vestiario. Non estarán o propio Gabri Veiga, concentrado coa selección española sub-21; Santi Mina, pendente aínda de que se resolva nos próximos días o seu recurso contra a sentenza que o condena a prisión por agresión sexual; Alfon González, de vacacións mais coa porta de saída aberta, e Javi Galán, que previsibelmente será traspasado ao Atlético de Madrid.

Si poderá contar o técnico madrileño na sesión desta segunda feira con varios futbolistas do filial, tanto Carlos Domínguez e Miguel Rodríguez, que poderían este ano dar o salto ao primeiro equipo, como Hugo Sotelo, Tincho, Gael Alonso e Coke Carrillo. Tamén estarán presentes, pendentes de resolver o seu futuro, os que volven das súas respectivas cesións: Rubén Blanco, José Fontán, Sergio Carreira e Miguel Baeza.

Comentarios