Fútbol | 1ª División

O Celta destitúe a Rafa Benítez

Os malos resultados esgotaron o crédito do adestrador madrileño.
Ao madrileño Rafa Benítez -na imaxe, no Novo Mirindilla de Cádiz- esgótaselle o crédito en Vigo. (Foto: LFP).
photo_camera Rafa Benítez, no Novo Mirindilla de Cádiz. (Foto: LFP).

O seu crédito esgotábase xornada tras xornada, e finalmente parece que o perdeu todo non só a ollos da afección, senón tamén da directiva. O Real Club Celta vén de anunciar hai escasos minutos a destitución do adestrador madrileño Rafa Benítez por mor dos malos resultados. "O noso máis sincero agradecemento e ao seu corpo técnico pola implicación, honestidade e profesionalidade que demostraron dende a súa chegada ao club", sinala o clube nun breve comunicado.

Apenas oito meses despois de recalar en Vigo co obxectivo de sentar as bases dun ambicioso proxecto a longo prazo, na que foi a aposta máis decidida do club no banco —asinou por tres campañas e recibiu o salario máis elevado dun técnico en Balaídos, o que parecía o grande escollo para o seu cesamento—, Benítez e o Celta separan os seus camiños, deixando o equipo ao bordo do descenso cunha renda de só dous puntos sobre o Cádiz após perder por catro goles a cero no Bernabéu ante o Real Madrid.

Con 14 derrotas, nove empates e só cinco vitorias, o que fai un total de 24 puntos sobre 84 posíbeis, os rexistros do Celta de Benítez son os peores dos últimos 80 anos, superando mesmo —de forma negativa— a técnicos cuxo breve paso por Vigo foi fortemente criticado como Óscar García Junyent ou Miguel Cardoso.

O madrileño priorizou a defensa sobre o ataque, reducindo a 30 os goles anotados por unha liña de ataque aparentemente forte, composta polo catro veces 'Zarra' Iago Aspas, o máximo anotador da Eredivisie neerlandesa o pasado curso, Tasos Douvikas, e un Jorgen Strand Larsen en constante crecemento que nos Países Baixos tamén deixara bos rexistros. Mais sacrificar o ataque non serviu, á vista dos resultados, para fortalecer a feble defensa celtiña, que na xornada 28 leva máis goles en contra (43) que nas últimos cinco tempadas a estas alturas —e o mesmo rexistro que na 2020-21—.

A presidenta do Celta, Marián Mouriño, asegurara nunha entrevista recente en Faro de Vigo que mantería a Benítez aos mandos do primeiro equipo até que a situación tornase "insostíbel". E vendo a súa decisión desta terza feira, parece que ese momento xa chegou.

Benítez é o primeiro adestrador cesado pola nova dirixente da entidade, que tomou posesión do cargo o pasado decembro, e foi a fichaxe para o banco número 19 do seu pai e predecesor, Carlos Mouriño, en 17 anos de mandato. Máis dun técnico por curso.

Comentarios