Celta e Ximnástica dominan a Copa Xunta da Galiza de atletismo

O equipo pontevedrés lograba sumar un novo título copeiro após rematar a competición cun total de 90,5 puntos. O Celta feminino dominou a categoría.
O podio feminino en Ourense (Foto: Federación galega de atletismo).
photo_camera O podio feminino en Ourense (Foto: Federación galega de atletismo).

Atletismo Feminino Celta na categoría feminina e Sociedade Ximnástica de Pontevedra na masculina, cumpriron os prognósticos e impuxéronse nunha nova edición correspondente á Copa Xunta da Galiza de Clubs de pista cuberta disputada este sábado en Ourense e que reuniu aos oito mellores equipos galegos de cada categoría.

O equipo pontevedrés lograba sumar un novo título copeiro após rematar a competición cun total de 90,5 puntos o que lle permiten ampliar a formidábel traxectoria consecutiva de dez copas gañadas.

Desta vez, o seu triunfo estivo relacionado coas vitorias parciais tanto de Victor Gallego, en peso, como de Anxo Blanco, en triplo, Carlos Porto, nos 3.000 metros, e a do sevillano Alfonso García, en altura.

Xunto aos gañadores, o Real Club Celta ocupada o segundo lugar do podio logo de sumar 86,5 puntos e o Atletismo Santiago facía o propio no terceiro lugar cun total de 63 puntos.

Dominio do Celta en feminino

Nas mulleres tampouco existiron sorpresas, cun Celta Feminino dominando de maneira cómoda o encontro no que chegaba a sumar un total de 85 puntos grazas en parte, aos triunfos parciais na proba dos relevos; de Andrea Pais nos 200 m. Esther Navarrete nos 3.000 m. e das atletas filiais Lola Bouza na pértega e da plusmarquista galega dos 100 metros Ainhoa Repáraz nos 60 m.

Este podio supón a novena vez que as celestes logran este título erixíndose como as grandes dominadoras do mesmo.

Acompañando ao Celta estiveron en zona de podio as pontevedresas da Ximnástica a catorce puntos e o Ría Ferrol no terceiro lugar a dezaseis.

Comentarios