O Celta planta cara ao líder da liga nunha xornada desigual para os equipos galegos

Xornada dispar para o fútbol galego. Coa excepción do Racing de Ferrol, que continúa de líder invicto na Primeira RFEF, o resto de equipos non quedaron satisfeitos cos seus resultados. A visita do Celta ao Camp Nou, iso si, deixou boas sensacións no xogo do equipo de Coudet após a recuperación de Iago Aspas.
Larsen gáñalle a partida a Balde e Piqué diante da atenta ollada de Iago Aspas (Foto: RCelta).
photo_camera Larsen gáñalle a partida a Balde e Piqué diante da atenta ollada de Iago Aspas. (Foto: RCelta)

No fútbol, como noutros deportes, o resultado manda. Este domingo o Celta convenceu co seu xogo e tivo o Barça, no propio Camp Nou, contra as cordas toda unha segunda parte. Porén, un erro de Unai Núñez no primeiro tempo que aproveitou Pedri valeulle aos cataláns para levarse os tres puntos ao finalizar o partido 1-0.

Coudet confirmou a titularidade de Gabri Veiga xunto a Iago Aspas, ao tempo que Larsen mostraba co balón as razóns da súa fichaxe.

A última media hora sorprendeu aos de Xavi Hernández perdendo tempo e a un Ter Stegen salvando a portaría até o último minuto. “Se non marcas no Camp Nou é imposíbel levarte nada”, aseguraba Aspas ao final do encontro, “de todas as maneiras, estou orgulloso do traballo feito polos meus compañeiros", engadía. 

En Segunda División, o CD Lugo visitaba O Alcoraz para medirse ao Huesca, un dos favoritos ao ascenso. E non foi un partido doado para os de Hernán Pérez que viron como se lle anulaba un gol aos altoaragoneses que rectificarían cun tanto do ex albivermello Gerard Valentín.

Co marcador en contra, o Lugo non se veu abaixo e Cuéllar empatou o encontro (1-1), un resultado que libera de tensións unha semana complicada na que terá dous rivais máis: As Palmas mañá no Ángel Carro (21 horas) e o domingo na viaxe até Malaga (18.30 horas). 

Ferrol, o líder intratábel

Na Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol continúa líder ao derrotar ao Talavera na Malata por 1-0 cun gol de Manu Justo  xusto antes de rematar o primeiro tempo. Os de Cristóbal Parralo controlaron un partido no que o rival rematou con dez, e continúan demostrando que aspiran a todo esta tempada.

O Dépor, pola contra, non atopou o camiño da portaría en Majadahonda nun choque sen goles e no que Borja Jiménez probou unha aliñación con até cinco cambios respecto ao anterior encontro. Os branquiazuis continúan na zona de playoff mais xogando coa paciencia da afección que demanda mellores resultados.

Celta B e Pontevedra perderon os seus compromisos e continúan empatados a puntos na clasificación. O filial do Celta perdeu en Barreiro diante do Mérida (1-2) que aproveitou as poucas ocasións que tivo. O Pontevedra, pola súa parte, non conseguía puntuar na súa visita ao Linares (1-0) e aínda descoñece a vitoria fóra de Pasarón.

Comentarios