Fran Beltrán: "Gústanos a excelencia, as derrotas doen"

O centrocampista do Celta de Vigo fixo autocrítica esta cuarta feira na sala de prensa de Balaídos. Porén, asegura que traballan para seguir sumando puntos.
Fran Beltrán na rolda de prensa (Foto: RC Celta)
photo_camera Fran Beltrán na rolda de prensa (Foto: RC Celta)

Non é doado definir o actual momento do Celta. Onte, na sala de prensa de Balaídos, Fran Beltrán tentou facelo en primeira persoa como un dos protagonistas deste comezo de tempada do club vigués. “Tivemos un inicio complicado, con grandes equipos”, asegurou, “con derrotas diante do Madrid e Atlético que poden entrar dentro do normal mais que para nós, que nos gusta a excelencia, son derrotas que tamén doen”, engadiu.

Porén, sinalou que o equipo está a traballar “ben”, malia o partido do Valencia que cualificou de “desastre”, e están en disposición de seguir “sumando puntos”.

Por iso, cualificou como "toque de atención" o que aconteceu no estadio de Mestalla e como aspecto positivo considera que "mellor que acontecera agora, ao inicio da tempada"

En relación ás aspiracións actuais do Celta, o centrocampista incidiu en que hai que ir “paso a paso” e ver como se desenvolven as xornadas “para ver até onde chegamos”.    

600 entradas para o Dépor en Balaídos

O Celta de Vigo comunicou ao Deportivo a posta ao dispor do deportivismo de 600 localidades para o partido do próximo sábado ás 180 horas en Balaídos que enfrontará na vindeira xornada de Primeira RFEF o Celta B co Dépor.

A afección branquiazul disporá desas entradas a un prezo de 20 euros e pola alta demanda prevista, que supera as 1.500 solicitudes, o equipo coruñés activou un procedemento interno de xestión para axilizar os tempos e trámites de venda das mesmas durante esta semana.

Do seu funcionamento transcendeu que as que se presenten ordenaranse dentro do propio sistema de xestión de reservas por criterio de antigüidade como persoa socia do club, prevalecendo a que leve máis tempo na entidade.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios