O Celta tamén sabe gañar sen Aspas

Un gol de Gabri Veiga  en Balaídos valeulle ao Celta para garantir estabilidade na clasificación. Nunha xornada de altibaixos, o Rácing de Ferrol convértese en líder de Primeira RFEF mentres que o Lugo, o Dépor e o Pontevedra continúan a sementar dúbidas coas súas derrotas.  O Celta B, pola súa parte, rabuña un tanto fóra de Barreiro.
Forte disparo de Gabri Veiga en Balaídos (Foto: RCCelta).
photo_camera Forte disparo de Gabri Veiga que valeu o gol da vitoria para o Celta de Vigo. (Foto: RCCelta)

O Celta pasou a proba. Sen Iago Aspas no campo por problemas gástricos e con Coudet na Arxentina por temas familiares, o Betis era un rival serio situado nos primeiros postos da clasificación. Porén, ao equipo celeste saíulle unha xornada redonda aínda que tocou sufrir nos últimos minutos.

Na primeira parte chegou un gol temperán de Gabri Veiga que certificou que aspira a todo neste equipo e xa hai quen o sitúa na estela de Aspas. Na segunda parte comprobouse que na portaría hai seguridade, cun Marchesín que tivo até cinco oportunidades de demostrar a súa valía. O resultado final, 1-0, sitúa aos celestes na metade da táboa e con azos para enfrontarse ao FC Barcelona o vindeiro domingo (Camp Nou, 21 horas). 

O CD Lugo segue caendo

Nova derrota do CD Lugo, desta vez na súa visita ao Ibiza, e novas dúbidas sobre un equipo que Hernán Pérez non consegue estabilizar. Malia os cambios que introduciu o adestrador segue a ter problemas en zonas como a defensa. Os de Lugo acumulan catro xornadas sen gañar e levándose un punto dos doce posíbeis. En Ibiza acentuouse esta debilidade cun resultado final de 3-2 .

En Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol segue a soñar. Sumou tres puntos máis na súa visita a Badaxoz (0-3) e xa contabilizou 16 puntos dos 18 posíbeis até agora. Un gol en propia porta, un penalti que transformou Manu Xusto e outro tanto de Chacón conseguiron a goleada e situar ao equipo de Parralo como líder da categoría. 

A poucos quilómetros, na Coruña sucedía todo o contrario. O Dépor perdeu en Riazor diante do San Fernando por 0-1 nun partido que evidenciou que o equipo non atopa solucións en ningunha das súas áreas. A afección rematou pedindo a dimisión de Borja Jiménez no primeiro aviso serio da tempada.

O Celta B, pola súa parte, segue sumando puntos, desta vez de visitante no campo do Linense. O marcador final de 1-1 non amosou as posibilidades que tiveron os celestes de ter colleitado unha vitoria. 

Por último, o Pontevedra volveu de Mérida cunha derrota (2-0), a segunda da tempada, que demostra que o equipo segue sen estar cómodo no campo. Malia o control do balón en certas fases do partido a falta de culminación provocou que o rival aproveitara as súas, algo que nesta categoría non se perdoa.

Comentarios