Xornada de empates no fútbol galego

Xornada de igualdade no marcador nos encontros disputados polos clubs galegos de fútbol de Segunda e Primeira RFEF. Lugo e Dépor agardaban máis e sementan dúbidas, mentres que o Celta B mantén o seu particular duelo cos da Coruña e o Ferrol proba a deixarse dous puntos por primeira vez.  
Loita polo balón nun dos momentos do encontro Celta B-Dépor, en Balaídos (Foto: RCDeportivo).
photo_camera Loita polo balón nun dos momentos do encontro Celta B-Dépor, en Balaídos (Foto: RCDeportivo).

Xornada singular no fútbol galego. Sen competición en Primeira pola participación da selección española na UEFA Nations League, a ollada ligueira na Galiza centrouse nos partidos do Lugo, Racing de Ferrol, Pontevedra, Dépor e Celta B que remataron, todos, con reparto de puntos. 

En Segunda, o Lugo recibía o Oviedo nun encontro con sabor a derbi pola proximidade xeográfica e polos case medio millar de seareiros de Asturies que acompañaron o seu equipo no Ángel Carro. Nervios desde o inicio e un Oviedo centrado a piques estiveron de darlle un desgusto maior a Hernán Pérez.

Sen  acerto por parte de ningún dos equipos, o resultado final ficou nun 0-0 que non gustou nada ao adestrador do Lugo que, en declaracións posteriores, aseguraba que deixaran "marchar vivo o Oviedo”.  

A Primeira RFEF concéntrase

O encontro máis agardado da xornada estaba en Primeira RFEF: o Celta B-Dépor. A visita dos coruñeses, máis alá do morbo das últimas tempadas, deixou un partido moi igualado diante de algo máis de 10.000 afeccionados e sen incidentes.

Os celestes, cun gol nada máis comezar o encontro a cargo de Iker Losada, motivou os da casa e impulsou a reacción dos branquiazuis (neste caso de verde) para forzar o empate, que chegou pouco antes de rematar a primeira parte.

Na segunda, desacertos na dianteira e acertos nas portarías deixaron o 1-1 como resultado final, un marcador que abriu máis dúbidas no Dépor e deixou intacta a honra da canteira celeste como na tempada pasada. 

En Pasarón, o Pontevedra non conseguiu derrotar o Linense nun partido abonado ao empate no que ningún dos dous equipos foi quen de marcar. Malia todo, o técnico granate, Antonio Fernández, aseguraba en rolda de prensa posterior estar “satisfeito” co inicio do choque e deu por bo o resultado “porque creo que sumar é moi importante sobre todo nos inicios ligueiros”. 

No único partido fóra da Galiza, o Racing de Ferrol viaxaba a Alxeciras, unha visita que se saldou cun resultado de 1-1 e que comezou da peor maneira para os verdes, que encaixaron primeiro un gol en contra. Na segunda parte, de penalti, Manu Xusto arranxaba a situación deixando unha igualada final que coloca o Racing terceiro na clasificación.

Comentarios