xoves 21/01/21
Carme Veiga, patroa de traiñeiras durante os últimos cinco anos

Carme Veiga: “As mulleres sempre temos que demostrar moito máis que calquera home”

Carme Veiga, patroa de traiñeiras durante cinco anos, conta a súa experiencia no deporte e explica en que consiste o seu cargo. Ademais, Veiga tamén expresa a súa opinión en relación ao papel da muller no deporte e reivindica a necesidade da presenza de máis rapazas en postos importantes como o de patroa. Ela incide en que as mulleres “sempre o temos que facer mellor que os homes para poder chegar a certos postos”. Con todo, Veiga engade que, nos últimos anos, as mulleres foron logrando máis visibilidade no deporte.

A deportista Carme Veiga após unha das súas competicións. (Foto: Cedida por moitoremojose)
A deportista Carme Veiga após unha das súas competicións. (Foto: Cedida por moitoremojose)

Avante Pouca

Cando comeza a participar nas traiñeiras?

Comecei en remo hai aproximadamente nove anos e, hai seis, cando fixen os 18, empecei a competir en traiñeira. É un deporte que me encanta, principalmente porque é en equipo, para min iso é o máis importante, pero tamén porque é acuático e a min, que son de Rianxo, chámame moito o mar. É un deporte moi común en Rianxo, Boiro e en xeral practícase por toda a zona das Rías Baixas. Eu comecei nun club rianxeiro, pero non estaba moi contenta e cambiei a outro de Ares. Neste último, o equipo era mellor e os resultados das competicións moi positivos, o que tamén axudou a gozar máis do deporte. Cando fixen os 18 propuxen no meu club ser patroa dunha traiñeira porque presentaba as características precisas para selo, como o peso adecuado e a lixeireza.

En que consiste a función de patroa dunha traiñeira?

Os patróns e patroas de traiñeiras levan o rumbo, deciden cando virar e animan os demais compañeiros ou compañeiras. Parece un traballo sinxelo mais eu creo que é o posto máis complicado e que supón unha gran responsabilidade. Fun patroa durante cinco anos, desde os 18 até que comezou a pandemia. Coa adversa situación debida á Covid-19, o abandono do club do meu adestrador e os estudos, facíaseme moi complicado continuar. Con todo, espero seguir competindo nun futuro, pero depende da situación de pandemia e de como vaia evolucionando.

Avante Media

Que importancia cre que ten o feito de que unha muller sexa patroa de traiñeiras?

Na miña opinión, penso que as mulleres temos que demostrar moito máis que calquera home. Sempre o temos que facer mellor que eles para poder chegar a certos postos. Ocorre no deporte pero tamén en calquera outro ámbito. Eu fun patroa dunha traiñeira masculina porque na Galiza está permitido que remen os homes e dirixa unha muller, e viceversa. Existen outros lugares nos que non deixan participar en competicións desta forma. Por exemplo, cando gañamos a liga galega e pasamos á ACT, a liga a nivel estatal, eu non puiden participar polo feito de ser unha patroa muller nunha traiñeira de homes.

Realmente penso que a presenza das mulleres en cargos como os de patroa poden animar a máis rapazas a participar en diferentes deportes considerados habitualmente masculinos. De feito, nestes últimos anos, aumentou o número de mulleres que comezaron a practicar o remo e a categoría feminina logrou moita visibilidade. Na Galiza non hai moita diferenza entre a cantidade de equipos masculinos e femininos nas competicións de traiñeiras, pero na ACT si: existe 12 equipos masculinos e só catro femininos. Isto é debido a cuestións televisivas. No deporte de remo é moito máis comercial a categoría masculina, como adoita ocorrer. Ademais, as distancias entre ambas as categorías son distintas, as mulleres só percorremos a metade que os homes. Isto último foi igualado recentemente na Galiza e a distancia xa é a mesma, mais na ACT segue a ser diferente.

Avante toda

En xeral, que opina da situación da muller no deporte?

Penso que seguen a existir numerosas inxustizas. No caso do remo, as mulleres adestramos tanto como os homes e non é xusto que haxa tan poucos equipos femininos nas ligas de maior importancia. En xeral as seccións masculinas de calquera deporte sempre están mellor consideradas, tanto social como economicamente, e parece que ninguén está disposto a cambiar isto. Con todo, coido que o papel de muller no deporte si mellorou nos últimos anos e penso que se lle está a dar unha maior visibilidade.

comentarios