Campaña para que o Deportivo deixe de ser de "La Coruña"

Federación de Peñas, Riazor Blues e Old Faces apoian unha campaña a favor do cambio de nome do club e do escudo, para que neles apareza o topónimo oficial: A Coruña.

Presentación da campaña: Eu apoio que o Deportivo sexa da Coruña. Cedida
photo_camera Presentación da campaña: Eu apoio que o Deportivo sexa da Coruña. Cedida

A Federación de Peñas do Deportivo, xunto con membros de Riazor Blues e Old Faces, presentaron na tarde da cuarta feira, e nas inmediacións da Torre de Hércules, unha campaña para que o nome da entidade branca e azul pase a ser oficialmente Real Club Deportivo da Coruña, adaptándose á única toponimia oficial da cidade, en galego, e abandonando a actual denominación de La Coruña.

“Queremos que o nome e o escudo do Depor porten o topónimo oficial da cidade”

Tania Gómez Campos, presidenta da Federación de peñas, afirmou en conversa con Sermos Galiza que a intención é que “o nome e o escudo do Dépor porten o topónimo oficial da cidade”, pois desde 1998 a cidade herculina chámase oficialmente A Coruña, como única nomenclatura válida.

“Se temos bos resultados coa campaña de recollida de sinaturas, presentaremos a proposta na xunta de accionistas”

A presentación de onte foi, sinxelamente, un acto para dar oficialidade á causa que veñen defendendo no último mes e á que lle incorporan unha recollida de sinaturas para confirmar o apoio da xente a esta iniciativa. A galeguización do nome do club que, até o de agora, é Real Club Deportivo de La Coruña, dependerá do apoio conseguido coa recollida de sinaturas. De ter o suficiente soporte, Tania Gómez explicou cales serían os seguintes pasos: “Se temos bos resultados coa campaña de recollida de sinaturas, presentaremos a proposta na xunta de accionistas.” Este último paso sería definitivo, xa que de saír adiante confirmaríase a adaptación do nome da entidade coruñesa á toponimia oficial en galego. “O bon da xunta de accionistas do Dépor é que está representada na súa maior parte por moitos accionistas minoritarios, que serán os que decidan”, explicou Tania Gómez, descartando calqueira posibilidade de veto.

Volta aos terreos de xogo

O RC Deportivo reincorporase hoxe ao traballo. O plantel, ao completo, estaba citado para as 9 horas desta mañá. Estarán presentes no primeiro adestramento as novas incorporacións: Tyton, Rubén Martínez, Emre Çolak, Borja Valle e Bruno Gama, así como os canteiráns Bicho, Óscar, Queijeiro e Pol Calvet. Luís Fernández, Saúl e Insua, que voltan da cesión. Por último, destaca a convocatoria de Manuel Pablo e Luisinho para esta primeira cita, entre os 23 futbolistas presentes.

Comentarios