Ibereólica Renovables Ourense e Leite Río Breogán xogan mañá ás 19 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz un Derbi do Miño moi desequilibrado, pois a escuadra lucense chega como líder destacada con 11 triunfos en 13 partidos, mentres que o conxunto local acumula só catro vitorias sobre 14.
Non obstante, a principal diferenza deste encontro con respecto a outras tempadas non será a clasificación de ambos os equipos, senón a ausencia de público nas bancadas nun derbi que adoita ser unha festa rachada.
"A verdade é que é un derbi moi descafeinado, e máis tratándose dun partido como este, que, xóguese en Lugo ou en Ourense, sempre saca a relucir a dúas grandes afeccións que, gozando cada un do seu, sempre se respectan, pero desafortunadamente non poderán estar nas bancadas", laiouse o técnico do Ibereólica Renovables Ourense, Gonzalo García de Vitoria.
Pese a todo, o técnico bilbaíno descarta unha posíbel influencia desta circunstancia no devir do partido ante un rival, o Leite Río Breogán, ao que considera "un equipo moi ben traballado e claro candidato ao ascenso".
"Opina que pode gañar un partido apertando só nun cuarto grazas ás achegas de xogadores moi físicos, como o mestre Kevin Larsen, e que nos obrigará a estar moi ben en todos os eidos para gañar", engade.
Albert Oliver, o mellor do Obradoiro con... 42 anos!
Esta semana, o Monbus Obradoiro, único representante galego na Liga ACB, descansa a causa da disputa da Copa do Rei, pero non por iso deixa de estar de actualidade.
O conxunto capitalino informou de que o base Albert Oliver, de 42 anos, foi o gañador do premio a Mellor Xogador do Mes logo dunha votación desenvolvida a través das redes sociais.