martes 09/03/21

O Obradoiro aspira a retomar a senda da vitoria ante o Andorra

A derrota ante Zaragoza frea o seu renovado pulo 
O 'Obra' é décimo cuarto na ACB. (Foto: ACB Photo - E.Casas).
O 'Obra' é décimo cuarto na ACB. (Foto: ACB Photo - E.Casas).

O Monbus Obradoiro afronta mañá ás 20.30 horas un encontro vital ante Morabanc Andorra, un rival 'da súa liga'. Os galegos chegan a este choque adiado no seu momento a causa do gromo de coronavirus que padeceu o equipo, e que os obrigou a estar de baixa durante máis dun mes, situados na décimo cuarta posición da táboa clasificatoria, a tan só unha vitoria dos andorranos, que son décimo primeiros.

A pesar de disputar un partido menos que os seus rivais desta terza feira, e até catro que os seus inmediatos predecesores, Herbalife Gran Canaria, os de Moncho Fernández deben volver do Principado cunha vitoria se non queren correr o risco de que conxuntos do fondo da táboa, como Fuenlabrada, Estudiantes ou Betis, reaccionen a costa de pasarlles por enriba.

Un partido que se escapa no derradeiro cuarto

O Obradoiro caeu derrotado esta xornada na pista de Casademont Zaragoza por 83-70, nun resultado enganoso, pois ambos os equipos estaban empatado ao final do terceiro cuarto.

Logo do sensacional triunfo  ante Bilbao Basket no seu primeiro partido unha vez superado o gromo, a escuadra capitalina agardaba repetir resultado ante o Zaragoza e, por momentos, pareceu que podía ser así, pois se unha palabra pode definir o encontro que mantiveron galegos e maños é "igualdade".

 A tónica do partido foi un tira e afrouxa constante no que ningún dos dous equipos atopaba a fórmula para despegarse nun marcador que reflectía uns parciais de 23-22 ao final do primeiro cuarto, 40-39 concluído o segundo e 57-57 logo do terceiro.

Lamentabelmente, e a pesar da destacada actuación de Enoch, nos últimos intres do encontro o Obradoiro sucumbiu ante os triplos de Nicolás Brussino.  

comentarios