O 'Blood Money' de Arabia Saudita paraliza o fútbol

Esta fin de semana non haberá fútbol nas catro principais categorías, nunha parálise que non acontece nin sequera cando compiten as seleccións estatais, pero que si se dará co gallo da disputa da Supercopa nun país que non respecta os Dereitos Humanos. 240 millóns de euros teñen a culpa. 
Xavi e Ancelotti, técnicos de Barcelona e Real Madrid, saúdanse ante Sergio Busquets e o galego Lúcas Vázquez no Estadio Príncipe Faisal. (Foto: RFEF).
photo_camera Xavi e Ancelotti, técnicos de Barcelona e Real Madrid, saúdanse ante Sergio Busquets e o galego Lúcas Vázquez no Estadio Príncipe Faisal. (Foto: RFEF).

Nos aproximadamente 10 minutos que vostede, lector ou lectora, investirá na lectura repousada desta reportaxe, e segundo datos da Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, polo menos unha crianza de menos de cinco anos morrerá no Iemen como consecuencia dos bombardeos, a fame e a enfermidade á que Arabia Saudita somete o seu país veciño desde que no ano 2014 iniciou un conflito bélico tan esquecido como cruento que cada vez máis voces, como a do europarlamentario irlandés Michael Wallace, cualifican como "a peor desastre humanitaria do mundo" e mesmo de "xenocidio coa complicidade dos Estados Unidos e da Unión Europea".

Mais ese drama non foi obstáculo para que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) trasladara a disputa da Supercopa de España a terras sauditas. Deste modo, a menos de 1.000 quilómetros -a distancia entre A Coruña e Barcelona- dun lugar onde, como apunta Unicef, máis de 10.000 nenos e nenas resultaron mortos ou mutilados desde marzo de 2015, Real Madrid, Barça, Atlético de Madrid e Athletic de Bilbao enfrontaranse nun torneo que brancos e culés abriron onte no Estadio Internacional Rey Fahd ante 30.000 espectadores, incluída a elite da monarquía teocrática da Casa Saúd.

"Dádeme cartos e gardade os consellos"

O traslado do terceiro torneo máis importante a nivel estatal ao Golfo Pérsico trouxo consigo a paralización das catro principais categorías futbolísticas no Estado español: Primeira División, Segunda División, Primeira RFEF e Segunda RFEF, unha medida excepcional que non se adopta nin sequera cando xogan as distintas seleccións internacionais e que foi criticada case unanimemente por afeccionados e afeccionadas dos máis diversos equipos.

Tamén un dos protagonistas da Supercopa, o centrocampista do Athletic de Bilbao Raúl García, atreveuse a sinalar publicamente que para el "non ten sentido" xogar en Arabia Saudita, e máis disimuladamente sinalou que "todos saben" que a causa son uns cartos aos que, a pesar das súas palabras, non renuncia, xa que hoxe (20 horas) vestirá de curto para disputar a segunda semifinal do torneo ante o Atlético.

O principal beneficiado dese diñeiro procedente dun réxime no que, en palabras de Amnistía Internacional, os Dereitos Humanos son "papel mollado" e o deporte está a ser usado "como forma de branquearse" é, alén dos propios clubs participantes -o presidente do Athletic, Aitor Elizegi, saíu rapidamente a corrixir Raúl García dicindo que a Supercopa supón un bo modo de "obter recursos para o fútbol de base"- , unha Federación Española que engordará as súas arcas con 240 millóns de euros. 

Porén, nin todos os petrodólares do mundo poderán borrar a mácula sobre unha institución xa manchada historicamente de corrupción, pero agora tamén co sangue de inocentes, como o da infinidade de mulleres asasinadas ou encarceradas, por exemplo a activista polo dereito a conducir -algo prohibido para elas até mediados de 2018- Loujain al-Hathloul; a dos membros do colectivo LGTB golpeados e mortificados, caso de Amna e Meeno, torturadas até a morte pola policía; ou a de xornalistas como Jamal Khashoggi, convocado ao consulado saudita en Estambul (Turquía) o 2 de outubro de 2018, onde foi asasinado e logo descortizado por criticar o príncipe herdeiro, Mohamed bin Salmán, segundo  afirmaron os servizos de intelixencia dos Estados Unidos.

'Visión 2030', o plan de 'sportwashing' que está levando a cabo Arabia Saudita

Quizais sexan máis populares os anglicismos 'pinkwashing' ou 'greenwashing', pero Arabia Saudita apostou por un menos coñecido, o 'sportwashing'. Deste modo, pretende mellorar a súa imaxe pública internacional acollendo eventos deportivos de primeira orde nas máis diversas disciplinas. Ese é un dos principais eixos do plan 'Visión 2030', co que oficialmente quere "reducir a dependencia do petróleo" ao mesmo tempo que realiza "unha transformación socio-económica a través do deporte", idea na que xa investiron case 2.000 millóns de dólares desde a súa posta en marcha no ano 2016.

Comentarios