martes 03/08/21

O bicampión Burela FS recibirá o Torreblanca na estrea da tempada

Publicado o calendario das Ligas feminina e masculina de fútbol sala para esta tempada 2021-22.
EuropaPress_3211425_pescados_ruben_burela_campeon_primera_division_futbol_sala_femenino
O Pescados Rubén Burela FS proclamouse campión de Liga e de Copa na tempada 2020-21 (Foto: RFEF)

Os campionatos de Liga de fútbol sala, tanto o feminino como o masculino, xa teñen emparellamentos para esta tempada 2021-22. A Primeira feminina comezará o 18 de setembro e finalizará o 11 de xuño tras a disputa de 30 xornadas. 

O Pescados Rubén Burela FS, campión da Liga nas últimas dúas tempadas parte como favorito a 'tripetir'. Na primeira xornada xogará na casa co Torreblanca Melilla, nunha reedición da final da Copa da Raíña que tamén gañou o equipo mariñao

O Atlético Navalcarnero volverá ser, a priori, o gran rival do Burela FS para alzarse como campión da Liga. Veranse as caras por primeira vez o 29 de xaneiro, en Madrid, e de novo o 11 de xuño en Burela, na derradeira xornada da competición regular.

Ademais, segundo o comunicado onte pola Federación, o inicio da Copa da Raíña está fixado para o 8 de decembro, mentres que a fase final terá lugar os días 22, 23 e 24 de maio. A Supercopa de España fica reservada para a última fin de semana de febreiro (26 e 27).

Esta tempada serán catro os equipos galegos tras o ascenso do Marín Futsal, que se estreará recibindo o Atlético Navalcarnero. Nesta primeira xornada, o Poio Pescamar visitará o Alcorcón, e o Ourense CF o Móstoles. 

Masculina

Na Primeira masculina a competición comezará unha vez finalice o Mundial de Lituania (12 setembro-3 de outubro). A primeira xornada da Liga, que tamén recupera o formato dos 16 equipos, está prevista para o 9 de Outubro. A fase regular concluirá o 4 de xuño.

O Pescados Rubén Burela FS é o único representante galego na máxima categoría do fútbol sala a nivel estatal, despois de lograr salvar a categoría a pasada campaña na promoción.

Na primeira xornada, recibirá no Vista Alegre ao Zaragoza.

comentarios