O Burela inicia o 'play-out' pola salvación ante o Ejido

A batalla comeza en Andalucía mañá ás 18 horas
Os da Mariña quedaron a un só gol da permanencia na fase regular. (Foto: Burela FS).
photo_camera Os da Mariña quedaron a un só gol da permanencia na fase regular. (Foto: Burela FS).

Levantar a cabeza, apertar os dentes e loitar. Cunha semana de marxe para asimilar a inxustiza vivida no derradeiro encontro da fase regular ante o Palma Futsal, no que un gol a falta de só 11 segundos para que soase a bucina que indica a fin do partido lles impediu certificar unha vitoria que garantiría a permanencia na Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) durante un ano máis, o único que lles queda agora aos xogadores do Burela é pasar páxina e loitar pola permanencia na máxima categoría nun play-out que comeza no día de mañá.

O seu rival será o Ejido da Segunda División, que terá unha nova oportunidade de pelexar polo ascenso logo de perder a final do play-off ante o Manzanares Quesos El Hidalgo, nun choque que está previsto que comece este sábado ás 18 horas na pista dos andaluces.

Independentemente do resultado, o partido de volta desta decisiva eliminatoria será o vindeiro sábado, 12 de xuño, no Pavillón Polideportivo Municipal de Vista Alegre, fogar dos laranxas e, no caso de que cada equipo gañase cadanseu encontro, a LNFS ten previsto desenvolver un desempate no que a escuadra galega tería ao seu favor o factor campo, pois tamén se disputaría en Vista Alegre, neste caso na segunda feira 14 de xuño.

O Amarelle, mentalizado para a permanencia

Outro equipo do fútbol sala do país que procurará a permanencia na máxima categoría nun play-out, mais no seu caso na liga feminina, será o Viaxes Amarelle da Coruña.

As herculinas conseguiron eludir un descenso directo no que caeron o Cidade das Burgas de Ourense e as canarias do Club Teldeportivo, mais para lograr conservar a súa praza na Primeira división terán que saír vitoriosas do devandito play-out.

Porén, antes de disputalo aínda teñen por diante un choque ante o Xaloc Alacant programado para as 19.15 horas deste sábado e que pon fin á fase regular.

O conxunto levantino ocupa a posición de fechacancelas e leva varias semanas descendido matematicamente, pois só foi quen de sumar unha vitoria e un empate por 22 derrotas, con 22 goles a favor e 127 en contra. Por iso, as futbolistas dirixidas por Jorge Basanta afrontan este compromiso como unha preparación de cara á eliminatoria que xogarán en dúas semanas.

Comentarios