Baloncesto | LEB Ouro

A PREVIA | Básquet Coruña e Estudiantes deciden quen é o mellor da 'B'

Duelo entre primeiro e segundo da LEB Ouro.
A gran cita será ás 20.30 horas de hoxe no Pazo de Riazor. (Foto: LEB Oro).
photo_camera A gran cita será ás 20.30 horas de hoxe no Pazo de Riazor. (Foto: LEB Oro).

O Pazo dos Deportes de Riazor acolle ás 20.30 horas desta sexta feira o mellor partido de baloncesto que se pode ver fóra do que é a Liga ACB, pois alí colidirán o Leyma Básquet Coruña, líder da LEB Ouro con 18 triunfos, e Movistar Estudiantes, segundo clasificado con 17.

A rivalidade polo primeiro posto, que outorga o ascenso directo á elite, está en plena ebulición, e no que vai de tempada galegos e madrileños xa protagonizaron dous intensos duelos. No primeiro, correspondente á primeira volta do campionato, saíu triunfante a escuadra herculina por (78-76); non obstante, o equipo dos amores do presidente español, Pedro Sánchez -alí xogou até os 21 anos-, obtivo o desquite recentemente na finalísima da Copa Princesa (72-80).

Consciente da transcendencia do encontro -especialmente do golpe anímico que suporía para os seus principais rivais na pelexa por subir-, con todo, o preparador do Básquet Coruña, Diego Epifanio, non quixo darlle ao xogo a condición de "final anticipada", destacando que se son quen de gañar estarán "máis preto de loitar" por ser primeiros, pero que se perden "haberá máis clubs aí, e non é ningunha desgraza". "Se a inicios da campaña nos din que a estas alturas estariamos como estamos, asinariámolo sen dubidar", engadiu Epifanio.

Ademais, mostrouse ilusionado ante a idea de obter a duodécima vitoria consecutiva: "O récord de triunfos esta tempada está en mans do San Pablo Burgos, con 12; nós levamos 11, xa rachamos a mellor xeira histórica do club, así que agora trataremos de igualar esa, pero o que conta, o verdadeiramente importante, pase o que pase no partido co Estudiantes, é esa comuñón que está habendo entre o club e o vestiario". 

Iniciativa solidaria en favor de Alcer Lugo

O partido de ACB no que o Breogán se medirá fronte o Unicaja de Málaga o próximo sábado, 9 de marzo (18 horas), estará dedicado a visibilizar o labor da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (Alcer).

A iniciativa conxunta do club e a vicepresidencia da Deputación de Lugo ten como obxectivo, tal e como destacou o vicepresidente do ente público, Efrén Castro,  "darlle un altofalante á organización e concienciar da necesidade de hábitos de vida saudábeis" co gallo do Día Mundial do Ril.

Comentarios