Baloncesto

O Básquet Coruña anuncia a continuidade de Diego Epifanio pese a non ascender

O técnico volverá ter como obxectivo a Liga ACB.
O último equipo de Epifanio foi o histórico Estudiantes, con quen caeu na final da fase de ascenso ante o Girona de Marc Gasol. (Foto: HSPB).
photo_camera O último equipo de Epifanio foi o histórico Estudiantes, con quen caeu na final da fase de ascenso ante o Girona de Marc Gasol. (Foto: HSPB)

O Leyma Básquet Coruña mantén no banco a Diego Epifanio (Burgos, 1978) como adestrador do equipo laranxa para a próxima tempada 2023-2024. A pesar de caer hai apenas unha  semana no play-off de ascenso á Liga ACB -superado por 3 a 1 no balance global da eliminatoria por Guuk Guipúscoa-, o conxunto herculino considera que o técnico burgalés de 45 anos completou "unha gran campaña" 2022/23.

"Foi un curso histórico para o club -salientan desde o Consello de Administración- no que logramos encadear nove vitorias consecutivas na fase regular da Liga e finalizar a mesma en terceira posición, por iso, a pesar da eliminación, non cabe dúbida de que a tempada foi un éxito para a nosa entidade".

A próxima será, entón, a segunda campaña de Diego Epifanio á fronte do Básquet Coruña, a onde chegou no verán de 2022, un ano despois de lograr o ascenso co Leite Río Breogán en 2021 e de non ser capaz de repetir a fazaña no curso seguinte co histórico Estudiantes madrileño pese a alcanzar a final four.

Actualmente, o técnico "xa está a traballar" co resto do corpo técnico e coa directiva "na planificación e configuración do cadro de persoal" que intentará lograr un ascenso que se lle resiste a un Leyma que "celebra" a continuidade de Diego Epifanio, a quen desexan "moita sorte na consecución do obxectivo".

O Ensino de Lugo asina Bea Sánchez

Cambiando o baloncesto masculino polo feminino, un dos tres representantes da Galiza na máxima categoría, Ensino de Lugo, confirmou a fichaxe da internacional Bea Sánchez. Aos seus 33 anos, a veterana pivote volve á que foi a súa casa entre 2019 e 2021, de onde marchou para militar no Araski durante a que vén de concluír.

Comentarios