O Cangas xa coñece os seus rivais na Copa do Rei

O Abanca Ademar León será o primeiro rival do equipo cangués.
O Cangas venceu en León por vez primeira o pasado decembro (Foto: Manu Quiroga / Ademar León).
photo_camera O Cangas venceu en León por vez primeira o pasado decembro (Foto: Manu Quiroga / Ademar León).

A Real Federación Española de Balonmán (RFEBM) deu a coñecer esta segunda feira o cadro de eliminatorias da Copa do Rei 2022, nunha edición na que participará o Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas.

O Abanca Ademar León será o primeiro rival do equipo cangués na competición, que decorrerá os días 25, 26 e 27 de marzo no Polideportivo Fernando Argüelles de Antequera (Málaga).

Cómpre lembrar que o pasado mes de decembro o BM Cangas venceu por vez primeira no pavillón do Ademar León, logo de non lograr puntuar nas súas anteriores visitas.

No caso de superar a primeira eliminatoria, nas semifinais agardaría o gañador do Barça-Helvetia Anaitasuna, cuxo adestrador é o galego Quique Domínguez.

Na outra parte do cadro de eliminatorias enfrontaranse, por unha parte, o Bidasoa Irún e o Fraikin Granollers, e, por outra, Iberoquinoa Antequera —o anfitrión do torneo— e BM Ángel Ximénez Puente Genil.

Os cangueses, quintos na Liga Asobal

O BM Cangas ocupa actualmente a quinta posición da táboa clasificatoria da Liga Sacyr Asobal, con 21 puntos —nove vitorias, tres empates e oito derrotas—.

Este domingo o equipo perdeu na casa pola mínima (28-29) fronte ao Bathco BM Torrelavega.

Comentarios