Ultimato de 48 horas aos clubs de Primeira RFEF

Luis Rubiales, presidente da RFEF volve pór na mesa outra votación para saber o futuro da competición na que están os galegos Dépor, Celta B, Racing e Pontevedra.
O presidente da RFEF, Luis Rubiales (Foto: RFEF).
photo_camera O presidente da RFEF, Luis Rubiales. (Foto: RFEF)

A Federación Española de Fútbol semella ter claro que quere mudar canto antes o actual modelo da denominada Primeira RFEF. Na xornada de onte, os equipos desta categoría -entre os que se atopan os galegos Dépor, Celta B, Racing e Pontevedra- recibiron un documento de sete páxinas cun ultimato de 48 horas para que decidan que modelo de control económico prefiren. 

Na mesma carta da Federación, os clubs souberon que o resultado das votacións telemáticas realizadas a semana pasada foi nunha maioría a favor do control económico por parte do ente federativo.

Malia todo, ao non producirse unanimidade decidiron realizar outra votación no prazo de 48 horas para que emitan o seu voto e explica os pasos para seguir unha vez se coñezan os resultados.

De apoiar a maioría de clubs o control económico da Federación, a competición seguirá como até o de agora e comezarase a controlar as contas dos clubs desde xa. 

No documento, a entidade que preside Luis Rubiales asegura que “se os clubs deciden, por maioría, que están de acordo con estas propostas, a RFEF comprométese a implantalas de acordo coa legalidade vixente”.

Pola contra alerta de que “se a maioría dos clubs entenden que estas propostas non son as adecuadas, os órganos competentes da RFEF, de acordo con o previsto na lei do deporte, os Estatutos da RFEF e no Regulamento Xeral, adoptarán aquelas decisións sobre a configuración das competicións oficiais de ámbito estatal non profesionais que se consideren máis beneficiosas para o conxunto do fútbol español, está claro, salvagardando e respectando os dereitos dos xogadores, adestradores, árbitros e dos propios clubs”. 

O Pontevedra CF opina

Dos equipos galegos só o Pontevedra respondeu cun comunicado público tamén onte. Nel aseguran que comprenden  "que os responsábeis da Federación española tras o resultado da votación da consulta anterior decidiran non proceder á súa execución e, pola contra, abren unha nova vía de diálogo cos clubs para chegar á mellor solución para todas as partes”.

Porén, o Pontevedra indica que "as novas esixencias que parece regularán a categoría están aínda por deseñar” e gardan que chegue “o consenso de todos".

Comentarios