O Deportivo fecha a fichaxe de Lucas Pérez

O Apalpador cumpriu co Dépor. Lucas Pérez xa é xogador da entidade tras fecharse o acordo de traslado co Cádiz. Pérez podería manterse ligado ao club galego até 2029.

lucas
photo_camera Lucas Pérez volverá vestir a camisola do Dépor. (Foto: Europa Press).

A fichaxe de Lucas Pérez polo Dépor é unha realidade. Na tarde do sábado 31, os directivos do equipo galego e do club andaluz, fecharon un acordo que se resistía desde os meses do pasado verán.

O acordo entre o Deportivo da Coruña e Lucas Pérez ligaría ao xogador á entidade até 2029, no caso de que o equipo coruñés torne ao fútbol profesional, no prazo dunha tempada e media.

Lucas Pérez comprométese a permanecer esta tempada e a seguinte no club galego como xogador e as outras tres como integrante da súa dirección deportiva, ficando aberta a posibilidade de rescindir o contrato en ano e medio.

A fichaxe de Pérez polo Dépor só foi posíbel polo interese do xogador galego de volver á casa. Neste sentido, as fontes coñecedoras da operación lembraron que o dianteiro non podía soportar a presenza do seu club na Primeira RFEF.

Pérez pagou 493.000 euros do seu peto ao Cádiz para que o traspaso ao Deportivo fora posíbel. A súa decisión considérase un xeito inédito no fútbol actual e amosa o seu cariño polo equipo galego.

A volta a casa de Pérez

O dianteiro do barrio coruñés de Monelos asume, ademais, baixar dúas categorías. Xogador até o sábado 31 do Cádiz, equipo que compite na Liga Santander, pasa a facer parte dun club situado no terceiro nivel do fútbol do Estado.

O desexo de Pérez de volver a casa animou á directiva do Deportivo a lanzarse a polo xogador, co obxectivo de reforzar o equipo coa intención de conseguir o ascenso de categoría nesta tempada.

A súa presentación en Riazor está prevista para esta segunda feira de 2 de xaneiro. Asemade, prevese o seu debut co Dépor para o domingo 8 de xaneiro, nun encontro ante Unionistas.

  

Comentarios