O Lugo confirma que non fará máis incorporacións para esta tempada

O secretario técnico do club, Wagner Molina, anunciou que non haberá máis fichaxes. A afección, pola súa parte decidirá esta cuarta feira se continúan as protestas.
Wagner Molina (Foto: Nós Diario).
photo_camera Wagner Molina. (Foto: Nós Diario)

Cunha situación complicada, segundo polo final da clasificación, o CD Lugo realizou nos estes días pasados varias incorporacións. As últimas foron as de Gui Guedes, Andoni López e Marco Scepovic e, polo que asegurou esta pasada terza feira o secretario técnico do club, Wagner Molina, quedaba “fechada” definitivamente a posibilidade de traer novos xogadores.

Para Molina agora no club "o importante era cortar a serie negativa. Tamén no psicolóxico. Os xogadores, ás veces, poden pensar que son peores do que son. Creo que estamos no camiño para reaccionar, e crecer en prestacións". O actual responsábel técnico do Lugo  cre que na liga "van pasar moitas cousas na competición desde agora".

Sen deixar de ter en conta a actual situación do equipo, cre que “vai entrar máis xente na pelexa da salvación” e dá por seguro que “os equipos de abaixo farán máis puntos, e todo se vai a apertar moito máis".

Para Molina, a chegada de Joan Carrillo como adestrador nunha situación tan complicada como a actual "na que o grupo necesitaba un cambio importante” foi como consecuencia de ter “un perfil idóneo”.

E polo de agora, coa súa presenza, asegura que “o equipo está a recibir unha enerxía, un carácter importante. É capaz de convencer ao xogador, confiamos moitísimo no persoal que temos". 

A afección reúnese

Após a protesta da pasada fin de semana, a Federación de grupos da afección do Lugo mantivo onte unha xuntanza polo serán no Pazo de Feiras da cidade.

A reunión era aberta e estaban convidados a participar a todo o mundo para tartar de posíbeis mobilizacións "contra a propiedade do clube  nestes momentos tan convulsos", así como "escoitar o sentir xeral dos siareiros".

Comentarios