Balaídos homenaxeará ao 'gato de Catoira' ante o Barça

Sergio Álvarez realizará o saque de honra minutos antes do partido deste sábado diante o FC Barcelona. O porteiro celeste tivera unha homenaxe no mes de maio mais sen público como consecuencia da pandemia. 
Sergio Álvarez na homenaxe que se lle fixo en maio (RC Celta).
photo_camera Sergio Álvarez na homenaxe que se lle fixo en maio (Foto: RC Celta).

A pandemia da Covid-19 privou a Sergio Álvarez, máis coñecido como "o gato de Catoira", dunha merecida homenaxe a través do agarimo da afección celeste despois da súa despedida. Este sábado, minutos antes do partido ante o FC Barcelona, o celtismo terá a oportunidade de mostrarlle o seu respecto e admiración cando realice o saque de honra. 

Sergio retirouse a finais da pasada tempada por mor dunha lesión e o club organizou no estadio de Balaídos un emotivo acto de despedida no que participou todo o cadro de xogadores e corpo técnico, acompañados de directivos, ex compañeiros  e familiares.

Escola de porteiras e porteiros

A despedida do xogador non significou que se alonxara do club. Coa súa marcha do primeiro equipo naceu a Escola de Porteiros Fundación Celta Sergio Álvarez. Era unha demanda da maioría da afección celeste que tivo a súa inauguración o pasado 20 de setembro.

O primeiro día, Sergio agasallou con luvas  asinadas por el para que as rapazas e os rapaces poideran adestrar. A escola está pensada para nenas e nenos que naceran entre os anos 2007 e 2015, ambos inclusive. 

Descontos para o encontro do sábado

Despois do valioso empate conseguido en Vallecas, o RC Celta buscará este sábado (Balaídos, 16.15 horas) ante o FC Barcelona unha vitoria de prestixio que ratifique a mellora do seu xogo e a súa competitividade. O equipo debe recuperar ademais a solidez de outrora en casa, para o que necesita o alento dunha afección que desde o comezo do campionato apoiou con enerxía aos celestes. 

Desde o club anunciaron que as e os afeccionados poderán adquirir os billetes para este encontro na páxina oficial do club con prezos que oscilan entre os 40 e os 100 euros.

Ademais, o RC Celta, pon a disposición de cada abonado unha entrada cun 15% (até esgotar existencias) con prezos que van dos 34 até os 85 euros. 

Para este importante partido o Celta poderá contar co dianteiro Santi Mina, unha vez comprobado que non sofre danos estructurais, segundo desvela a ecografía que lle realizaron nas últimas horas os servizos médicos do RC Celta para comprobar a gravidade da lesión.

Comentarios