Por que a UEFA prohibe o tríscele do Celta?

Por ser símbolo político? Relixioso? Por incitar á violencia? A ausencia de explicacións sobre os motivos de tal decisión aumentan o malestar da afección. Non é a primeira vez que a UEFA xera polémica coas súas decisións sobre símbolos nas camisolas. Nalgunhas, tivo que recuar.

celta trisquel
photo_camera Trisquel no dorso da camisola do Celta

Desde hai uns anos o Celta de Vigo loce na parte traseira da camisola, baixo o pescozo, un tríscele, un símbolo da cultura da cal a equipa galega toma o nome. O tríscele está plenamente asumido en Galiza como un símbolo cultural propio, sen connotacións relixiosas e as políticas, de as ter, non son desde logo aquelas que no norte de Europa se apropian de simboloxía céltica para defender mensaxes de supremacismo racial. O Celta, pois, porta o trisquel como elemento daquela cultura con cuxo nome foi bautizado ao nacer en 1923 por uns fundadores que querían unha equipa plenamente enraizada no país. De aí, por exemplo, non só o nome de novo clube, tamén as cores elexidas: as da bandeira galega, celeste e branco.

Se o Celta leva un símbolo 'relixioso' na camisola ese non é o trisquel senón a cruz de Santiago do seu escudo.

O portal 'moiceleste' desvelou que a UEFA veta que o tríscele apareza na equipación do Celta nas competicións europeas.Os xogadores celestes saltaron a Balaídos cun colante branco tapando o trisquel no partido europeo contra o Panathinaikos. No anterior encontro europeo, contra o Liége, non houbo este problema polo simple motivo de que o Celta xogou coa terceira equipación, que non loce este símbolo. En Balaídos, contra os gregos, xogou coa primeira camisola ao estar na casa, a celeste, onde si figura. De aí que tivesen que tapalo.

Por que?: Relixión? Política? Violencia?

Mais por que esta decisión? Nin club nin UEFA deron explicacións sobre o motivo desa prohibición. De aí que se intenten procurar os motivos nas normas e reglas fixadas pola organización. A normativa da UEFA establece que aqueles símbolos, acenos, elementos, ou calquer outro medio, que transmita mensaxes políticos, ideolóxicos, relixiosos ou ofensivos estarán prohibidos. É o tríscele que leva o Celta un deses símbolos?

Vén o veto da súa 'semellanza' con símbolos empregados pola extrema-dereita, nomeadamente do norte de Europa?

De se tomar como elemento 'relixioso' non deixa de ser curioso que se prohíba o tríscele e non a cruz de Santiago que o Celta loce no seu escudo, e que figura na parte dianteira da camisola. Símbolo político? A UEFA ten considerado elementos da cultura nórdica e céltica (por exemplo, a cruz celta) como símbolos propios de mensaxes racistas e de superioridade da raza branca por mor do uso que fan deles organizacións de extrema-dereita nomeadamente no norte de Europa. De aí que fose contundente coa súa exhibición nos estadios. 

Mais iso non ten sentido algún en sitios como, por exemplo, Galiza, Gales, Irlanda ou Escocia, onde os trísceles fan parte da cultura popular e non teñen relación con ideoloxías fascistas ou racistas. Por exemplo, en The Paradise, Celtic Park, estadio dos Celtic de Glasgow e cunha afección antifascista e que foi a que popularizou hai anos a mensaxe de 'Refugees welcome' ( o clube foi fundado por inmigrantes irlandeses en Escocia) é habitual todo tipo de simboloxía celta nos seareiros

A UEFA vetou que o Rosengard sueco levase na camisola a bandeira do arco da vella (símbolo LGTB), mais finalmente rectificou e permitiullo. Pasará o mesmo co trisquel?

Antecedentes

O SD Huesca veuse nun sarillo hai uns anos por entender desde diferentes colectivos que a cruz de San Xurxo que levaba na camisola era contraria ás normas da UEFA sobre símbolos relixiosos. Esa cruz é a que figura no escudo do Barça. A equipa catalá ten estado no albo da UEFA en varias ocasións. Por exemplo, as multas polas 'esteladas' independentistas no seu estadio. Ou polo brazalete coa senyera nos partidos da Champions, algo que a UEFa tamén reciminou ao Valencia (os brazaletes teñen que ser dunha única cor).

Recentemente, o Celtic tamén coñeceu as estritas normas da UEFA. Os seus seareiros levaron bandeiras palestinianas ao estadio para se solidarizar cos dereitos deste pobo durante un encontro do Celtic contra unha equipa israelita.

O Rosengard, equipo sueco gañador en varias ocasións da Champions League feminina, tamén bateu coa UEFA, aínda que con mellor sorte. A UEFA quixo impedir que levase na camisola a bandeira do arco da vella, símbolo LGTB. Porén, acabou rectificando e permitindo que figure na equipación. Fará o mesmo co trisquel?

Comentarios