O axente de Hugo Mallo nega que este abusase sexualmente da muller que facía de mascota do Espanyol

"Ese mesmo Xulgado, tras tomar declaración á denunciante, a Hugo (Mallo) e valorar o resto de probas, decidiu arquivar o asunto xa que non consideraba probados os feitos", afirma Quique de Lucas.
Hugo Mallo, cun gorro a causa dunha hemorraxia, marcou o primeiro. (Foto: La Liga).
photo_camera Hugo Mallo, nun partido co Celta. (Foto: La Liga).

O ex futbolista Quique de Lucas, axente do ex capitán do Celta Hugo Mallo, negou esta cuarta feira “categoricamente” a acusación de abuso sexual pola que será xulgado o 11 de xullo o actual defensa do Internacional de Porto Alegre (Brasil) en Barcelona.

“Negamos categoricamente os feitos denunciados, o que xa se puxo de manifestou perante o xulgado que os investigou, esixindo un absoluto respecto á presunción de inocencia”, sinala o axente de Mallo nun comunicado difundido a través das súas redes sociais.

Hugo Mallo será xulgado por un presunto abuso sexual a unha muller que traballaba ataviada como mascota do Espanyol o 24 de abril de 2019, no partido que enfrontou ao equipo catalán co Celta en Cornellá

O futbolista, segundo a denuncia presentada ao día seguinte ante os Mossos d’Esquadra, “introduciu as mans baixo o disfrace e fíxolle tocamentos nos peitos” durante o habitual saúdo entre os xogadores de ambos os equipos.

“Ese mesmo Xulgado, tras tomar declaración á denunciante, a Hugo (Mallo) e valorar o resto de probas, decidiu arquivar o asunto xa que non consideraba probados os feitos. Dita resolución foi recorrida por ambas as partes, a denunciante porque si cría que se acreditaban os feitos descritos na denuncia e nós ao entender que non só non quedaban acreditados senón que se podía asegurar que non se produciron”, explica De Lucas.

O axente de Hugo Mallo tamén revela que foi a Audiencia Provincial a que mandou “reabrir o expediente” para que “a controversia” se resolvese nun xuízo oral ao que, lembra, o seu representado comparece como "inocente".

“Queremos destacar que tanto o RC Celta como o RCD Espanyol, ao activar os seus respectivos protocolos e tras analizar a información recibida, consideraron que non había probas do denunciado, non iniciándose tampouco expediente algún por parte da RFEF nin da liga”, destaca.

Comentarios