O atletismo galego reivindica o seu bo estado na Coruña

As medallas cumpriron os prognósticos en case todas as probas do Campionato Xunta da Galiza na Coruña.
Adi Iglesias, á esquerda, xunto a outras corredoras de 200 metros (Foto: Federación Galega Atletismo).
photo_camera Adi Iglesias, á esquerda, xunto a outras corredoras de 200 metros (Foto: Federación Galega Atletismo).

O atletismo galego está a dar moitas alegrías. Na memoria quedan as medallas conseguidas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio, a máxima aspiración para calquera deportista.

Partindo da base e do traballo dos clubs as sensacións de continuidade dese bo nivel pasan por manter e superar marcas cada vez máis imposíbeis, como se comprobou no recente Campionato Mundial de Atletismo en Oregón (EUA) coa modesta actuación de Adrián Ben e Belén Toimil. Por este motivo era importante comprobar as actuacións do Campionato Xunta da Galiza na Coruña.

Emoción e  igualdade

As probas de velocidade femininas nos 100 metros foron as máis seguidas ao contar coa finalista europea Ainhoa Réparaz que superou a Adi Iglesias marcando 11.93 polos 12.08 da lucense. A plusmarquista galega dos 200 metros e medallista paralímpica subiría ao podio nesa distancia.

Os prognósticos cumpríronse co ouro nun tempo 10.65. Sergio Rodríguez, da Ximnástica, nun bo ano, entraba na segunda posición con 10.81, mais lograba o título galego sobre os 200 metros con 21.68. O campión de España Sub-23 Jacobo Soler, con 48.79, e María Fernández, con 56.31, referendaban o seu dominio sobre os 400 metros mentres que os 800 e os 1.500 metros estiveron dominadas por Jorge Puig e María Cedrón

Nos 5.000 metros e os obstáculos mandaron Esteban Iglesia e Nicolás Arrojo. Na feminina,  Sandra Mosquera con 18:16.42 nos 5.000 metros e Patricie Viadel do Atletismo Santiago nos obstáculos con 11:21.35 dominaron as mesmas probas. 

Lucía Ferrer levou os 100 metros valos cun novo record galego (14.20) e na masculina foi máis rápido David Vicente. Nos valos longos triunfaron Lucía Sánchez e Iago Núñez. A marcha, pola súa parte, daba os ouros para  Oleksandra Kostenko e Carlos Morales.

En saltos de altura gañaron Raúl Cortizo e Emma Sihuang así como en pértega as vitorias foron Nerea e Pablo Alonso. En lonxitudes levaron o ouro Andrea Villaverde, Ariadna Gil, Diego Míguez e Tomás López. Nos lanzamentos Raquel Villa lograba a primeira posición xunto a Victor Gallego na masculina. A proba de disco foi para María Ezquerro, o martelo para Irene Gómez e a de xavelina para María Pena e Manuel Uriz. Por último, as probas de relevos por equipos foron para o Marineda e a Ximnástica.

Comentarios