DEPORTES

O Gran Premio Cantóns da Coruña anuncia 120 inscricións a dúas semanas do seu comezo

O Gran Premio Cantóns da Coruña anuncia 120 inscricións a dúas semanas do seu comezo

A cidade herculina reúne o mellor da marcha a nivel mundial
A marchadora galega Antía Chamosa. Foto FG de Atletismo
photo_camera A marchadora galega Antía Chamosa. Foto FG de Atletismo

Restan pouco máis de dúas semanas para que dea comezo o máximo referente mundial da marcha en ruta do calendario da World Athletics, o Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña Trofeo Sergio Vázquez, que o próximo 28 de maio alcanza a súa trixésimo quinta edición. 

No trazado coruñés decidirase un importante número de prazas para as grandes citas atléticas deste ano, como son o Campionato do Mundo de Eugene (Estados Unidos), previsto para mediados do mes de xullo, e o Campionato de Europa, que terá lugar un mes despois, na cidade alemá de Múnich. 

Até o momento, segundo revelou a organización, está confirmada a asistencia dun total de 121 marchadores e marchadoras ao certame dos Cantóns, aínda que se agarda a presenza dun maior número de participantes, xa que a inscrición de cara á proba continúa aberta. 

A procedencia das atletas, polo momento, alcanza 29 países distintos, dos que as delegacións máis numerosas tras a do Estado español son as do Ecuador, Australia, Colombia, China, Italia, Guatemala, Gran Bretaña, Portugal, Irlanda, Alemaña, Brasil, Perú e os Estados Unidos. Haberá, ademais, representantes de Costa Rica, Porto Rico, Francia, México, Arxentina, Eslovaquia, Turquía, Exipto, Romanía, Canadá, Honduras, Casaquistán, a India e Ucraína. 

Como vén sendo habitual, na cidade da Coruña estarán as mellores marchadoras mundiais do momento. Entre as confirmadas, a día de hoxe, destaca a presenza do medallista olímpico canadense Evan Dunfee, bronce en Toquio 2020 sobre os 50 quilómetros, e a da colombiana Sandra Lorena Arenas, subcampioa olímpica.

Tamén brillan as vixentes campioas europeas masculina e feminina na distancia dos 20 quilómetros, a andaluza María Pérez e o estremeño Álvaro Martín, así como unha potente armada galega encabezada por Carmen Escariz e as irmás Daniel e Antía Chamosa.

A concelleira de Deportes da cidade herculina, Mónica Martínez, quixo aumentar a expectación ofrecendo o dato de que practicamente a metade das atletas inscritas tiñan experiencia nos Xogos Olímpicos, aproximadamente 50, e tamén salientou que nos Cantóns estará a prestixiosa xuíza Dolores Rojas.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios