O Albacete fulmina Rubén Albés após empatar co Rácing

A escuadra manchega está en descenso
O vigués de 39 anos dirixiu o Albacete durante 79 partidos. (Foto: Albacete Balompié).
photo_camera O vigués de 39 anos dirixiu o Albacete durante 79 partidos. (Foto: Albacete Balompié).

O galego Rubén Albés xa non é o adestrador do Albacete. A directiva da escuadra manchega tomou a decisión de despedir o preparador de 39 anos após empatar (1-1) no Carlos Belmonte fronte o Rácing de Ferrol na noite da pasada segunda feira.

Eses dous puntos que deixaron escapar na casa representaron a pinga que desbordou o vaso da paciencia dun club que actualmente esta instalado nos postos de descenso á Primeira Federación, aínda que ten a zona de permanencia a unicamente un punto de distancia.

Non obstante, o conxunto manchego xustificou a súa decisión na necesidade de "buscar un cambio de rumbo" logo de que o Albacete só fose quen de gañar un partido no que vai de 2024, salientando, ademais, que o despido de Albés é unha medida que "nunca" desexarían ter tomado.

"Agradecémoslle a el e ao seu corpo técnico a súa extrema profesionalidade, dedicación e entrega durante os 79 partidos que dirixiu un equipo que baixo a súa batuta viviu unha inesqueíbel tempada o curso pasado, coroada coa disputa dos play-off de ascenso á Primeira División", engadiu o Consello de Administración albaceteño.

Porque este abrupto final de etapa para o ex responsábel dos filiais do Celta e o Valladolid, ou dun Club Deportivo Lugo ao que conseguiu salvar até en dúas ocasións, chega logo de que na campaña 2022/23 asinase unha brillante actuación, deixando o Albacete no sexto posto e pelexando -aínda que sen éxito- por volver a unha elite que os da Mancha non cheiran desde o 2005.

Regresa a Copa Irene González Basanta de Fútbol

Irene González Basanta, a pioneira do fútbol feminino galego, dá nome desde o ano pasado a un trofeo que regresa esta cuarta feira ao calendario competitivo.

Nesta ocasión, a cita, organizada polo equipo do Orzán xunto co Concello da Coruña, estenderase até o 29 de marzo e reunirá sobre o verde dos campos da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias a catro dos mellores conxuntos a nivel planetario na categoría xuvenil -o propio Orzán en calidade de anfitrión, o Real Madrid, o Benfica portugués e o Great Falls Reston estadounidense-, que medirán forzas nun formato todos contra todos que derivará nunhas semifinais e unha finalísima.

Comentarios