De Irene González a Vero Boquete: o novo libro de Galaxia que repasa a historia do fútbol feminino na Galiza

O xornalista e historiador Héctor Pena, responsábel da sección de Deportes de 'Nós Diario', achega este mes de agosto ás librarías do país 'Historia do fútbol feminino en Galicia: de Irene González a Vero Boquete', editado por Galaxia. Son máis de 200 páxinas con fotografías exclusivas e inéditas, entrevistas a moitas das protagonistas e, en definitiva, un percorrido nunca antes visto polo deporte rei no país ao longo da historia.
O xornalista Héctor Pena e a capa do libro.
photo_camera O xornalista Héctor Pena e a capa do libro.

Despois de inaugurar a colección 'O noso deporte' co libro Manuel de Castro. Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez, que homenaxea o centenario do Real Club Celta partindo do seu principal impulsor en 1923, a Editorial Galaxia presenta agora o novo libro do xornalista Héctor Pena, Historia do fútbol feminino en Galicia: de Irene González a Vero Boquete, que pon en valor a relación da muller co deporte rei no país.

Son moitas e moitos os que insistiron durante anos en dicir que o fútbol era "cousa de homes". A realidade é que a participación das mulleres neste deporte, porén, comeza milenios antes da súa estandarización por parte dos ingleses en 1863, resistindo heroicamente desde aquela a todos os intentos de afastalas da súa práctica.

En Historia do fútbol feminino en Galicia repásase todo ese traxecto de resiliencia e sororidade, con especial énfase na súa historia na Galiza. Héctor Pena repasa a historia futbolística do país, desde os tempos da coruñesa Irene González, considerada a primeira xogadora da Galiza e de todo o Estado español, até a actualidade, cando a xeración de ouro de Vero Boquete ou Mari Paz Vilas comeza a abrir paso a unha nova fornada de talentos.

"Libros como este serven de referente para todas as amantes do fútbol que veñen detrás, para tirar abaixo prexuízos propios e colectivos, para que todas as rapazas poidan apoiarse en exemplos reais e saber que poden loitar por ser quen queiran ser", sinalan desde a editorial. O libro chegará este mes de agosto ás librarías.

Pena explica en declaracións a este xornal que a súa nova obra "realiza un percorrido integral pola historia do fútbol feminino na Galiza, desde os tempos da pioneira Irene González até o 2023, todo iso situado no seu contexto histórico internacional e estatal, para non presentar esa evolución de forma illada". "O volume está presentado en forma de capítulos ordenados de forma cronolóxica, e nos mesmos compleméntase a narración histórica coa entrevista directa ás protagonistas", salienta.Falan no libro Lis Franco, "unha das grandes estrelas do Karbo, o mellor equipo do Estado nos anos 80, que é cando se produce o despegue da disciplina"; Vero Boquete, "que non necesita presentación"; Miriam Ríos, capitá do Deportivo, "que ocupou o lugar do Karbo na elite 30 anos despois", e Paula Domínguez 'Pauleta', viguesa e actual capitá do Benfica.

Son máis de 200 páxinas nas que se recollen tamén fotografías exclusivas e inéditas e nas que participan tamén, "directa ou indirectamente", xente como Cristina López Villar, Manuel Rivas, Xurxo Souto ou membros de distintas asociacións culturais e deportivas do país que estiveron ligadas dunha ou outra forma ao fútbol feminino.

Esta non é a primeira vez que a Editorial Galaxia explora o mundo deportivo, pois xa o fixera en libros como O libro do fútbol, unha escollida selección de once autoras e autores para "pór en palabras a emoción e a paixón polo fútbol".

Héctor Pena (Santiago de Compostela, 1985) é xornalista, historiador e doutorando en Turismo Deportivo na Universidade de Vigo. Gañou o Premio Johán Carballeira de Xornalismo (2023) pola súa Historia inacabada do deporte galego, publicada en Nós Diario, onde na actualidade é o responsábel da sección de Deportes.

Previamente escribiu e colaborou en DXT Campeón, O Dez e Xornal de Galicia. En 2021 comisariou a exposición de Vía Galega Galiza, un pobo, unha selección, á vez que elaborou o guión do documental e dirixiu a revista e o xornal homónimos. Tamén escribiu os libros Historia del Trofeo Teresa Herrera (2015), Os nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo —escrito xunto a Noela Rey— (2017) e A pioneira (2023).

Comentarios