Hernán Pérez substitúe Albés á fronte do Lugo

O asturiano procede do xuvenil do Real Madrid
A data da presentación do novo técnico aínda está por determinar. (Foto: HPC).
photo_camera A data da presentación do novo técnico aínda está por determinar. (Foto: HPC).

O Club Deportivo Lugo xa ten substituto para Rubén Albés. O novo titular do banco albivermello será Hernán Pérez, quen aos seus 40 anos de idade afrontará a súa primeira experiencia como técnico na Segunda División.

A entidade presidida por Tino Saqués confirmou hoxe o "acordo" para a incorporación do ovetense, irmán do ex xogador do Celta entre 2007 e 2011 Miguel Pérez 'Michu'.

O novo preparador do único representante da Galiza na categoría de prata chega ao club tras unha modesta traxectoria como futbolista concentrada en equipos da súa Asturias natal, onde tamén arrancou a súa etapa como técnico, concretamente no Langreo de Segunda B (2018/19). 

De aí deu o salto a Barakaldo (2019/20) e a Unionistas (2020/21). O seu bo desempeño coa modesta escuadra salmantina chamou a atención de todo un Real Madrid, que o recrutou para o Xuvenil A. Porén, e a pesar de conquistar a Copa Xuvenil, fracasou nos seus obxectivos de facerse coa División de Honra e coa Youth League. Por iso, a principios do presente mes o conxunto branco decidiu prescindir dos seus servizos.

Cualificado como un técnico "que axunta mocidade e experiencia" e "unha garantía de traballo, compromiso e mellora continuada", precisará de aumentar as súas prestacións con respecto ao seu desempeño na Casa Branca se quere lograr o obxectivo no seu novo destino, que un ano máis non é outro que a permanencia.

A Federación quere mudar o formato do 'play-off'

O recente play-off de ascenso a Primeira RFEF podería quedar na historia como o único da súa clase, a pesar de que a Federación Galega de Fútbol de Louzán anunciou en marzo pasado que a Galiza sería a súa sede "tres tempadas", é dicir, até o ano 2025.

Pero agora, ante as críticas recibidas, a súa homóloga estatal semella querer implantar un cambio de rumbo, pois quere "recuperar o formato de play-off con eliminatorias de ida e volta". "Cabe destacar que, nun escenario excepcional debido á pandemia, a RFEF implantou unha fase final con sede única co fin de garantir a finalización das competicións", xustificouse a entidade presidida por Luís Rubiales. 

Comentarios