A afección pide "respecto para o Dépor"

Peñistas anuncian unha manifestación de protesta o 29 de xuño
A concentración, convocada pola Federación de Peñas, Riazor Blues e Old Faces, irá da Praza de Pontevedra á Rúa Nova. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera A concentración, convocada pola Federación de Peñas, Riazor Blues e Old Faces, irá da Praza de Pontevedra á Rúa Nova. (Foto: RC Deportivo).

A inestabilidade que rodea o Real Club Deportivo desde hai máis dunha década, agudizada en extremo desde o recente fracaso no play-off de ascenso a Segunda División fronte o Castellón, levou á afección branquiazul a tomar a decisión de mobilizarse para facerse oír.

Nun escenario que non é novo, pois xa protestaron nas rúas en 2020 polo coñecido como Caso Fuenlabrada e no 2019 esixindo a marcha do director deportivo Carmelo Del Pozo e do Consello de Administración que por aquel entón presidía Tino Fernández, a Federación de Peñas Deportivistas, Riazor Blues e Old Faces víronse "obrigadas a actuar".

As devanditas agrupacións, nun comunicado conxunto feito público na xornada de onte,  convocan á parroquia branquiazul a unha concentración que terá lugar de hoxe nunha semana, concretamente o 29 de xuño ás 20 horas da tarde. O seu punto de partida será a Praza Pontevedra -onde ten o seu domicilio social o conxunto herculino-, desde onde marcharán até a sede da propiedade do club, Abanca, na Rúa nova.

Con este acto pretenden "demandar o respecto que non se está tendo", ao mesmo tempo que mostran a súa "desconformidade absoluta" coa deriva que leva o Real Club Deportivo.

Ademais, esixen que o principal accionista da escuadra herculina revele "os motivos e as intencións das decisións drásticas que se tomaron", en relación á recente dimisión en bloque da directiva comandada por Antonio Couceiro e á destitución de Rubén De la Barrera como responsábel técnico do primeiro equipo.

Tamén están en contra da decisión de que a Xunta Extraordinaria convocada para o 17 de xullo en Riazor, e da que sairá o novo presidente do Dépor, se desenvolva de forma telemática: "Debe ser presencial, para que o deportivismo teña a oportunidade de expresar a súa opinión, porque senón dan a entender que é totalmente irrelevante". 

Neste sentido, reclaman "unha comunicación frecuente e fluída por parte da propiedade do club coa súa masa social", pois "a opacidade nas decisións executadas xeran inquedanzas entre milleiros de deportivistas" aos e ás que piden "non deixar de acudir" á manifestación do día 29.

Comentarios