Colapso absoluto no Real Club Deportivo

Sen ascenso. Sen presidente. Sen adestrador... o único que lle queda a estas alturas ao Real Club Deportivo é a súa afección, logo do imprevisto movemento levado a cabo por Antonio Couceiro e o seu Concello de Administración.
Couceiro (esquerda), deixou á fronte do Dépor a David Villasuso (centro) até a Xunta Extraordinaria do próximo 17 de xullo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Couceiro (esquerda), deixou á fronte do Dépor a David Villasuso (centro) até a Xunta Extraordinaria do próximo 17 de xullo. (Foto: RC Deportivo).

O estado de crise crónica no que leva instalado o conxunto herculino desde o ano 2011, agudizado en extremo a partir do 2020 -coincidindo coa adquisición do equipo por parte de Abanca, as consecuencias económicas da pandemia da Covid-19 e o descenso á Segunda División B por vez primeira en 35 anos- vén de alcanzar un novo nivel.

Menos dunha semana despois de fracasar por terceira tempada consecutiva no seu intento por saír do pozo da Primeira Federación -após caer contra o Castellón na primeira rolda da fase de ascenso-, a directiva da centenaria entidade branquiazul sorprendeu anunciando o seu adeus definitivo.

"O presidente e todos os membros do Consello de Administración do Real Club Deportivo decidiron renunciar", informaron nun comunicado no que explican que a decisión "tomouse para favorecer o proceso de reestruturación do club de cara á nova temporada".

Seguindo os prazos estabelecidos pola Lei, que obriga a que transcorra un mes enteiro, a Xunta Extraordinaria de Accionistas da que sairá o novo Consello programouse para o día 17 do próximo mes de xullo, ficando mentres tanto á fronte do Dépor David Villasuso en calidade de apoderado xeral.

Este último era até o de agora o director financeiro e home forte no Dépor da "propiedade", empregando a expresión máis repetida polo presidente saínte, Antonio Couceiro, quen nos anos 90 fora conselleiro de Industria e Comercio na Xunta da Galiza presidida por Manuel Fraga e deputado do Partido Popular no Goberno galego.

Nunha carta feita pública na tarde desta quinta feira a través da web oficial da escuadra herculina, os directivos, que levaban no cargo desde febreiro de 2021, reivindicaron a súa condición de "profesionais independentes de recoñecido prestixio" e a "total colaboración" dunha Abanca que agora, confesan, lles pide que se fagan a un lado "para abrir unha nova etapa".

O técnico, con cara de "gilipollas"

Antonio Couceiro, Carlos Cantó, Emma Lustres, Miguel Juana e David Villasuso non se limitaron a dimitir. Tamén destituíron o técnico branquiazul, Rubén De la Barrera, 29 días despois da súa contratación. Esta medida, xustificada nunha "reestruturación que incluirá á área deportiva", colleu por sorpresa non só ao conxunto dos seareiros e seareiras, que apoian maioritariamente o preparador coruñés a pesar de non ser quen de lograr o ascenso cun bloque que viña arrastrando moitos problemas alleos á súa xestión.

Non, eles e elas non foron os únicos sorprendidos. O propio De la Barrera, en declaracións concedidas a Radio Coruña, confesou que estaba "indignado" polas formas en que recibiu a nova: "Estaba ceando cun membro do meu staff [...] até aí viu Villasuso, que me entregou a carta de despido alegando que non lograra o ascenso".

"Isto non ten nin pés nin cabeza", engadiu o adestrador de 38 anos, recoñecendo que aínda que quedou "con cara de gilipollas", o seu deportivismo é tan grande que "volvería ao Dépor dez millóns de veces máis". 

Comentarios