Entrevista

Adrián Ben: "Do factor sorpresa pouco queda, no Mundial vanme ter moi en conta"

Con Ana Peleteiro e Belén Toimil fóra da competición, no inminente Mundial de Atletismo ao aire libre de Budapest (Hungría) o peso da representación da Galiza recae sobre Adrián Ben (Viveiro, 1998), algo que o campión de Europa asume con orgullo e responsabilidade: "Bandeira galega ao ombreiro e para adiante, por todos".
O de Viveiro, posando coa medalla de campión de España que conseguiu a pasada semana en Torrent. (Foto: A.Ben).
photo_camera O de Viveiro, posando coa medalla de campión de España que conseguiu a pasada semana en Torrent. (Foto: A. Ben)

—Leva vostede un 2023 máxico, proclamándose en marzo campión de Europa en pista cuberta e a pasada semana de España ao aire libre. A primeira pregunta é obrigada: o obxectivo é o ouro no Mundial de Hungría?
Intentarémolo, pero, a ver, é un Mundial (ri).Hai que ter en conta que o 800 cada vez é máis competitivo, a xente cada día corre máis, e acabo de consultar o ránking e, por marca, son o 32, o que fala do nivel que hai. Pero xa lle gañei este 2023 a xente con rexistros moito mellores, tanto persoais como nesta tempada, así que irei a Budapest sen medo, sabendo que fixen un bo traballo. Agora o que toca é gozar do momento e tratar de mellorar a posición que fixen nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, onde fun quinto. 

—Terán mellores marcas, pero ningún dos candidatos ao triunfo ten unha cousa que si ten Adrián Ben, que é ese factor sorpresa no final.
Do factor sorpresa xa pouco me queda, porque cando estás habitualmente no circuíto, vas aos grandes meetings, gañas carreiras e títulos e subes aos podios xa pasas a estar controlado. Vanme ter en conta, e, senón, xa me encargarei de que o fagan (ri).

—Unha cousa que sempre chama a atención tanto na súa modalidade como noutras disciplinas do mediofondo é a intensidade nos contactos, eses golpes, especialmente as cotenadas. Canto inflúen nos resultados finais nos 800 metros?
Depende do contacto, porque hainos de moitos tipos. Se están dentro do marco legal, máis que o propio contacto inflúen os intentos de ganancia de posición. Por exemplo, o outro día na final do 1.500 feminino Marta Pérez intentou adiantar por dentro a Esther [Guerrero], que como tiña a posición gañada o único que tivo que facer foi chocar contra ela, que tivo que frearse, xa que non a podía empurrar. 

Polo xeral son contactos mínimos que tes que saber xogar moi ben. Ou optar polo que intento eu sempre, pois para min é mellor non entrar en batallas e correr unha carreira o máis limpa posíbel, porque no 800 hai xente moi corpulenta, pero ao final hai unha rúa e somos oito, polo que os espazos son reducidos. 

—Onde os espazos son determinantes tamén, como indicaba co exemplo de Marta Pérez e Esther Guerrero, é nos 1.500 metros, que é unha disciplina coa que vostede está sobradamente familiarizado, xa que nela deu os seus primeiros pasos. Neste 2023 volveu ter unha toma de contacto con ela, pensa en dar o salto no futuro?
Neste 2023, como puidemos traballar en altitude, que serve para mellorar no aspecto aeróbico, e o 1.500 é moito máis aeróbico que o 800, decidimos probar e comprobamos que estaba moito mellor que con respecto ao ano pasado, cando só corrín unha carreira de 1.500 e a experiencia non foi moi positiva. De feito a preparación foi tan boa que incluso nos permitimos correr unha Diamond League, o que foi unha alegría.

—Cando e onde levou a cabo ese adestramento en altura?
Pois neste 2023 fixémolo en Sudáfrica e nun par de ocasións. Na primeira estiven alí dúas semanas entre novembro e decembro de 2022, e logo volvín para estar tres semanas, desde finais de marzo até finais de abril, cando volvín para correr a carreira dos 10.000 Peregrinos de Santiago de Compostela.

—Que lles achega aos atletas este tipo de preparación?
Cando traballas en altitude o fas nunhas condicións de déficit de osíxeno, e o corpo vaise acostumando a facer os traballos a un 80%, sabendo que ese é o único osíxeno do que dispón, realizando adaptacións para dese 80 obter un 100%. Non son fisiólogo, teño un equipo que traballa nese tema, pero efectivamente hai unha serie de cambios que acontecen no corpo que provocan que cando volves baixar ao nivel do mar teñas un superávit de osíxeno que fai que penses que tes superpoderes. 

—Retomando a cuestión do 1.500, é unha evolución natural nos atletas de fondo e medio fondo ir estirando as distancias...
Eu fago moitas cousas: 10.000 metros, cross... o 800 é outra delas, que está aí entre o fondo e a velocidade. Aí xúntanse moitos tipos de atleta, e eu considérome un que traballa por arriba, o que significa que polas miñas características penso que terei un bo futuro nos 1.500.

—Con Ana Peleteiro e Belén Toimil, as outras habituais xunto con vostede nos grandes eventos internacionais de atletismo, fóra do Mundial, levará en exclusiva o peso da representación da Galiza. Como se sinte?
Pois bandeira galega ao ombreiro e para adiante, por todos. É unha pena que non se puidesen clasificar comigo, porque ademais de compañeiras son amigas, e normalmente sempre estamos xuntos nos campionatos e pasámolo moi ben. No caso de Ana é comprensíbel ao 100%. O que fixo paréceme de auténtica superheroina, pasar de hai sete meses estar nun quirófano a agora saltar por enriba dos 14 metros varias veces é para que non o crea a quen llo contes. E no referente a Belén penso que tamén é unha faena, pero o ano próximo, que será moi importante para todos [disputaranse os Xogos Olímpicos], logrará resarcirse.


Unha carreira de obstáculos

Adrián Ben compite nos 800 metros lisos, pero, como a de tantos outros atletas, a súa semella unha carreira de obstáculos. Despois de asombrar o universo do atletismo en 2019, cando con só 20 anos logrou a clasificación para o Mundial de Doha e posteriormente un posto nunha final na que rematou no sexto posto, chegou a pandemia da Covid-19 e o de Viveiro demostrou que el si saíu máis forte da mesma, concluíndo en quinto lugar nos Xogos Olímpicos de Toquio 2021.

Porén, en 2022 quedou eliminado nas semifinais tanto do Mundial de Eugene como do Campionato de Europa de Múnic. Moi concienciado, na presente tempada 2023 decidiu reconfigurar a súa preparación coa meta de recuperar os resultados perdidos, saíndo triunfador tanto do Europeo de pista cuberta como do recente Estatal ao aire libre.

Comentarios