Adrián Ben fai historia para o atletismo galego en Istambul

O atleta de Viveiro levou a medalla de ouro en 800 metros no campionato de Europa indoor. Ademais, o atletismo galego tivo unha boa actuación en Sub-20 e Máster nos campionatos disputados nas localidades de Sabadell (Catalunya) e Antequera (Andalucía). 
Adrián Ben adiantandose por milésimas na chegada (Foto: RFEA).
photo_camera Adrián Ben adiantandose por milésimas na chegada (Foto: RFEA).

A pista cuberta de Istambul, sede do campionato de Europa indoor, consagrou definitivamente a traxectoria deportiva de Adrián Ben con nada menos que un título de Campión de Europa en 800 metros.

O de Viveiro (A Mariña) xa avisara das súas posibilidades durante este campionato ao que se achegaba nun excelente estado de forma e no que comezaba a súa andaina pasando de maneira directa as semifinais cun crono de 1:47.32, cousa que repetiría nas semifinais onde daba un serio aviso ao imporse de maneira autoritaria con 1:46.82.

Xa na final, xunto a varios dos máis importantes especialistas do momento, optou por unha carreira intelixente desde os postos de atrás que lle permitiron evitar os múltiples contactos e tropezos do pelotón. T

endo moi claro que o triunfo sería nos últimos metros o viveirense dosificaría  moi ben as súas forzas co obxectivo de lanzar a falta de sesenta metros un demoledor ataque ante o francés Robert, quen marchaba na primeira posición, e que serviu para, practicamente sobre a liña de meta, o luminoso outorgara a ambos o mesmo tempo de 1:47.34. Habería que agardar á foto para que finalmente o galego, axustando os tempos ás milésimas, fora proclamado oficialmente campión de Europa nun día histórico para o atletismo galego. 

Sub-20 e Máster

Tamén en atletismo, a Galiza trouxo un total de seis medallas nos Sub-20 e corenta e tres nos Máster, nos campionatos de España disputados nas localidades de Sabadell (Catalunya) e Antequera (Andalucía). 

Na cidade catalá, o máis salientábel foron os resultados de Xiana Lago no concurso de peso ao mandar o artefacto no seu segundo lanzamento até os 13,48 metros. Lucía Sánchez del Valle, no concurso de péntatlon, foi outra das destacadas rematando a súa actuación ca medalla de prata e unha puntuación total de 3.543 dos cales a proba dos 60 valos foi a que máis puntuación lle reportaba.

De igual modo tamén estiveron no podio as atletas Isabel Caeiro (3.000 metros), Emma Sihuang (1.73 en altura) e Diaou Diallo (12.33 metros en salto). 

No campionato de España Máster indoor as corenta e tres medallas correspóndense con 21 ouros, 10 pratas e 12 bronces. Ademais, batéronse un total de dez récords galegos.

Comentarios