Ana Peleteiro non estará no Mundial de Atletismo

Belén Toimil tampouco viaxará a Budapest.
Peleteiro buscará a mínima olímpica. (Foto: EP).
photo_camera Tanto Peleteiro (na imaxe) como Toimil lograron o ouro no Campionato de España de Torrent. (Foto: EP)

O atletismo galego estará coxo no próximo Campionato do Mundo de Atletismo ao aire libre, que se desenvolverá na capital húngara, Budapest, entre o sábado 18 de agosto e o domingo 27 do mesmo mes.

Dúas das habituais representantes do país nas grandes citas internacionais, Ana Peleteiro e Belén Toimil, non viaxarán até a localidade centroeuropea por non conseguir a marca mínima exixida pola World Athletics.

A de Ribeira, que foi nai hai apenas sete meses, intentouno até o último momento, pero non conseguiu alcanzar nin os 14,52 esixidos pola Federación Internacional nin os máis accesíbeis 14,25 demandados pola súa homóloga estatal.

O derradeiro torneo onde a saltadora tivo a opción de alcanzar esas cifras foi no recente Campionato de España, disputado en Torrent (Valencia) a pasada fin de semana. Alí logrou colgar a medalla de ouro do pescozo, suficiente para subir ao máis alto do podio por diante de María Vicente (14,20), pero non para obter directamente o boleto para a Hungría. 

Non obstante, aínda lle quedaba un cravo ardendo ao que asirse para estar no Mundial, un sistema de puntos que recompensa os seus bos resultados nas distintas competicións, pero decidiu dar un paso a un lado. "Por primeira vez na miña vida escoitei aos que máis me queren e a decisión está tomada. Estou oficialmente de vacacións", explicou Peleteiro. Despois engadiu que agora "toca descansar física e mentalmente para afrontar a próxima tempada do mellor modo posíbel". 

Toimil, a mellor do Estado

Con respecto a Belén Toimil, a lanzadora de peso viviu un conto moi similar ao de Peleteiro en Torrent. A de Mugardos foi a número un na súa disciplina, facéndose co seu cuarto título consecutivo no Campionato de España, neste caso grazas a un mellor lanzamento de 17,89 metros. Porén, en ningún momento estivo preto de chegar aos 18,30 que debía alcanzar para estar en Budapest. 

Quen si se desprazará até Hungría será Adrián Ben, que chegaba ao Estatal co boleto no peto xa desde xuño. Sen presión, voou sobre a pista valenciana para colgar do pescozo a medalla de ouro após completar os 800 metros lisos nun tempo de 1.45.01, récord absoluto do certame e aval para soñar ao grande no inminente Mundial.

Comentarios