A PREVIA | Partido a vida ou morte para o Celta en Cádiz

Será sinónimo de descenso a Segunda División unha derrota do Celta en Cádiz? Non, pero o feito de que os andaluces deixen atrás unha xeira de 21 partidos seguidos sen gañar e empaten a puntos cos galegos polo último posto da permanencia sería un golpe durísimo ás aspiracións celestes de seguir na elite durante un ano máis.
O choque promete ser un duelo a cara de can, como o de Chust e Aspas sobre estas liñas, entre dous bloques obrigados a vencer. (Foto: Europa Press).
photo_camera O choque promete ser un duelo a cara de can, como o de Chust e Aspas sobre estas liñas, entre dous bloques obrigados a vencer. (Foto: AFP7 / Europa Press).

Cádiz é sol, música, historia e Entroido, pero tamén fútbol, encarnado nunha trindade formada polo Trofeo Carranza, Jorge Alberto 'Máxico' González e, por enriba de todos eles, o Cádiz Club de Fútbol.

A escuadra gaditana, con 17 puntos, fecha os postos de descenso á Segunda División, e todo apunta a que será, xunto co Celta de Vigo -cuarto pola cola con só tres máis-, quen estea pelexando até o final do campionato ligueiro por dirimir quen perde a categoría xunto cun Granada e un Almería que, salvo remontada épica que ninguén agarda, semellan xa desafiuzados. 

O calendario quixo que amarelos e celestes colidan ás 14 horas do domingo nun partido a vida ou morte no que o Novo Mirindilla tornará nunha auténtica caldeira, pois, consciente da transcendencia do choque, a directiva do Cádiz decidiu agasallar a cada socio ou socia do club cun boleto para non deixar libre nin unha soa localidade das 20.274 do antigo Estadio Ramón de Carranza.

Todo coa intención de rematar cunha terríbel xeira de 21 partidos sen coñecer a vitoria -a última vez que sumaron de tres en tres foi o 1 de setembro ante o Vilarreal- e repetir o conto da pasada campaña, na que a mobilización total motivou os seus xogadores para lograr ante o Celta un triunfo na penúltima xornada que resultou transcendental para a súa salvación.

Para evitar iso volva acontecer, un Rafa Benítez de costas á afección, á prensa -o seu refuxio son os medios estranxeiros, onde hai apenas unha semana postulábase como candidato a ocupar o posto de seleccionador nacional inglés se Gareth Southgate volve fracasar na inminente Eurocopa de 2024- optará, máis que previsibelmente, por un esquema ultra conservador con Guaita en portería; os recuperados Manquillo e Domínguez en defensa xunto con Unai, Starfelt e Manu; Tapia, Beltrán e Luca no medio do campo; con Iago Aspas e Strand Larsen arriba.

Accidente de tráfico do ferrolán Álvaro Giménez

Á mesma hora que o Celta (14 horas do domingo) saltará ao céspede do pintoresco Nou Pepico Amat para tratar de vencer o Elda o Rácing de Ferrol, único equipo galego da Segunda.

Este duelo entre dous bloques que lograron o ascenso de categoría na pasada tempada 2022/23 chega marcado polo accidente de tráfico sufrido onte por Álvaro Giménez.

O dianteiro dos Diaños Verdes viuse implicado nunha colisión múltiple na AP-9 entre cinco turismos -entre eles o seu- e un autobús provocado polas fortes chuvias e as saraibadas que sacudiron o país durante a sexta feira.

Afortunadamente as súas feridas non revisten gravidades, pois non pasan duns problemas cervicais que, non obstante, impediranlle tratar de superar o décimo cuarto clasificado ligueiro xunto co resto dos seus compañeiros, tal e como explicou o seu adestrador, Cristóbal Parralo.

O Dépor, a pola sexta

Na Primeira Federación masculina, un Deportivo disparado e sen freos ambiciona o seu sexto partido consecutivo gañando. Para iso, deberá pasar por enriba do filial do Osasuna ás 20 horas do domingo sabendo que, de tropezar as formacións que o proceden na táboa, Ponferradina e Nàstic, podería acceder ao liderado.

Ese posto de privilexio pertencía até hai mes e medio a un Celta Fortuna que desde entón non sabe o que é gañar, máis o modesto Sestao, antepenúltimo, semella unha vítima propiciatoria para que os pupilos de Claudio Girández demostren que non se lles esqueceu xogar ao fútbol este sábado desde as 16 horas, pouco antes dun Logroñés-Arenteiro (20 horas) nos que os do Carballiño son favoritos. Por último, ás 19 horas do domingo debutará no Ángel Carro o enésimo adestrador albivermello, Roberto Trashorras, ante o Fuenlabrada. 

Comentarios