Saqués presenta Trashorras, o seu décimo oitavo técnico desde 2015

O presidente cambia de adestrador cada 176 días 
Trashorras, á dereita, posa con Saqués durante a súa presentación. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Trashorras, á dereita, posa con Saqués durante a súa presentación. (Foto: CD Lugo).

O empresario Tino Saqués, que desde 2015 é tanto máximo accionista como presidente do Club Deportivo Lugo, presentou nesta terza feira o seu adestrador número... 18! Isto significa que a vida media dun técnico no banco albivermello é de só 176 días, é dicir, menos de seis meses. 

O recentemente cesado Paulo Alves foi o segundo que menos partidos dirixiu o Lugo (7), só por diante dos cinco de Joan Carrillo. Por detrás quedan Javi López (11), Juanfran (11), Íñigo Vélez (12),Curro Torres (15), Hernán Pérez (16), Pedro Munitis (17), Mehdi Nafti (22) ou Alberto Monteagudo (23).

A marcha do portugués sorprendeu especialmente tendo en conta que viña de lograr un triunfo a domicilio e que baixo o seu mandato o club levaba catro partidos sen coñecer a derrota, mais todo iso é insuficiente para aplacar a ira de Saqués.

Este xustificou a súa decisión na presentación do substituto do preparador luso, Roberto Trashorras, que dá o salto ao primeiro equipo desde o filial, indicando que pese a ter "un dos mellores cadros de xogadores da categoría" están "lonxe dos postos de cabeza" e non chegou a albiscar "un percorrido para medrar" e alcanzar esa zona nobre da táboa.

Trashorras, pola súa parte, confesou que, como "rapaz dunha aldea de Lugo" que é fai "realidade un soño", e agarda que axiña tornen nun conxunto "recoñecíbel" sobre o céspede.

Ristić será baixa polo menos un mes

Movendo o foco á máxima categoría, o Celta perderá o seu lateral esquerdo titular, Mihailo Ristić, durante polo menos catro semanas a causa dunha rotura fibrilar. A boa nova é que Jonathan Bamba, por fin, regresou aos adestramentos nin máis nin menos que nove días despois de gañar a Copa África.

Comentarios