Fútbol | 1ª División

A PREVIA | O Celta precisa facer borrón e conta nova en Iruña

O calendario da fin de semana deparou, curiosidades que ten o fútbol, que todos os equipos galegos das tres principais categorías masculinas e femininas xoguen contra conxuntos cataláns ou vascos, coa única excepción dos varóns branquiazuis, que reciben a visita do Fuenlabrada cos incidentes de 2020 aínda na memoria.
Aspas recibiu cos brazos abertos o seu novo compañeiro no ataque celeste, Tadeo Allende. (Foto: RC Celta).
photo_camera Aspas recibiu cos brazos abertos o seu novo compañeiro no ataque celeste, Tadeo Allende. (Foto: RC Celta).

O centenario do Celta, coa excepción dun himno que, como dirían as Tanxugueiras, "viu pra quedar", non está deparando moitas alegrías para a parroquia celeste, pois aos malos resultados deportivos -eliminación nos cuartos de final da Copa, cuarto pola Cola na Liga rachando récords negativos...- engadíronse incluso escándalos extradeportivos como a acusación ao ex capitán olívico, Hugo Mallo, de abusar sexualmente da muller debaixo do disfrace da mascota do Espanyol antes dun partido.

Para tratar de corrixir esta errática traxectoria o Consello de Administración, comandado pola presidenta Mouriño, incorporou o pivote brasileiro Jailson, o lateral Manquillo e o atacante arxentino Tadeo Allende, que ampliarán o abanico de opcións dun Rafa Benítez cada vez máis cuestionado pola afección, como demostran os berros de "vaite xa!" que tivo que escoitar despois da derrota da pasada fin de semana ante o Girona.

O madrileño, sabedor de que a magnitude da cantidade que percibiría de ser despedido aumenta exponencialmente o seu crédito en comparación con outros inquilinos do banco vigués, tamén é consciente de que a situación podería tornar en insostíbel de non comezar pronto a sumar de tres en tres, e a primeira oportunidade para iso será o domingo (16.15h) en Iruña ante Osasuna.

A oportunidade de volver co botín dun dos campos máis complicados da Liga non podería ser mellor, pois os rojillos chegan ao encontro cun extra de cansazo, dado o compromiso que tiveron que disputar hai tan só tres días ante o Fútbol Club Barcelona, caendo derrotados por 0-1.

 Para logralo, Benítez podería optar, de novo, por unha táctica 5-2-3, con Guaita; Mingueza, Unai, Starfelt, Domínguez, Manu; Tapia, Jailson, Luca, Larsen e Douvikas.

Segundo contra terceiro na categoría de prata

Duelo no cumio da clasificación da categoría de prata, pois o Eibar, segundo con 41 puntos, mide forzas co Rácing de Ferrol, terceiro tamén con 41.

 O escenario para o choque será unha Malata na que se vivirá de novo un ambiente excepcional nas bancadas, a pesar de que a Liga de Fútbol Profesional (LFP) de Javier Tebas volveu castigar a afección dos Diaños Verdes cun horario contra natura para o fútbol, as 14 horas do domingo.

Un home curtido en mil batallas, o lendario extremo do Athletic Joseba Etxebarria, que na actualidade dirixe o combinado Eibarrés, salientou a "importancia" do enfrontamento para ambos, e renunciou á condición de teórico favorito resaltando que "a estas alturas de campionato, na xornada 24,  o do Rácing de Ferrol está claro que non é unha casualidade ou unha boa dinámicas, é un rival directo para nós".

Deportivo-Fuenlabrada, catro anos despois

Movendo o foco á Primeira Federación, o Deportivo masculino recibe o Fuenlabrada o domingo ás 19 horas en Riazor case catro anos despois do choque que deu orixe ao coñecido como Caso Fuenlabrada e ao posterior descenso branquiazul aos infernos dunha terceira categoría da que aínda non foi quen de saír.

Antes, ás 16 horas do sábado, o Celta Fortuna buscará rachar coa súa xeira de tres partidos seguidos perdendo a costa do modesto Cornellà, obxectivo compartido polo Lugo -que desafía o Real Unión de Irún ás 20 do sábado no Stadium Gal- e un Arenteiro que tamén xoga en Euskadi, no seu caso ás 20 do domingo co Sestao.

Pola súa parte, o Dépor feminino, logo do seu triunfo contra o segundo clasificado, o Espanyol, na última data de torneo, colide de novo contra un rival da zona nobre da Liga, a Secció Esportiva AEM de Lleida, quinta, a quen visita ás 12 horas do domingo.

Comentarios