A PREVIA | Celta, Rácing e Lugo soñan despertos coa Copa

O fútbol regresa ás fins de semana, pero non coa habitual competición da regularidade, senón co torneo do KO, a Copa de Rei. Dos tres conxuntos galegos sobreviventes quen máis sinxelo o ten para estar nos oitavos é o Celta, que visita o Amorebieta de Segunda, mentres que Rácing e Lugo buscarán a sorpresa ante Sevilla e Atlético. 
Williot Swedber, o heroe do agónico triunfo ligueiro sobre o Betis, volverá contar con minutos de calidade na Copa do Rei. (Foto: LFP).
photo_camera Williot Swedber, o heroe do agónico triunfo ligueiro sobre o Betis, volverá contar con minutos de calidade na Copa do Rei. (Foto: LFP).

O Real Club Celta de Vigo continúa o domingo a súa xira copeira por terras vascas. Así, despois de eliminar con moito sufrimento e grazas a un polémico penalti o modesto Sestao na rolda previa, o domingo encara uns dezaseisavos de final nos que colidirá cun equipo de superior categoría, o Amorebieta, penúltimo clasificado da Segunda División, que ten só dous triunfos no seu haber desde o mes de setembro. Por iso, o renacido conxunto celeste non debería ter complicacións para plasmar o seu favoritismo nun encontro programado ás 12 horas no Municipal de Urritxe, mais se algo caracteriza o torneo do KO, para ben ou para mal, son as sorpresas.

Unha delas sería a ausencia no once inicial do brasileiro Jailson, a primeira fichaxe do mercado invernal. Presentado onte, o ex do Palmeiras non ocultou a súa "felicidade" por xogar no Celta, e agarda, "se fose vontade do míster", participar o domingo. 

O Lugo, na procura dunha milagre no Día de Reis

Estadio Ángel Carro, sábado 6 de xaneiro, 16 horas da tarde. Será o coliseo lucense o escenario dunha milagre no Día de Reis? Non se podería definir doutro modo o triunfo sobre o Atlético de Madrid dun Lugo desnortado desde a destitución de Pedro Munitis ás dúas da madrugada do 17 de decembro.

Os colchoneiros, dez veces campións de Copa e actuais quintos na máxima categoría, farán moitas rotacións, como xa anunciou Simeone, pero aínda así os futbolistas menos habituais do terceiro equipo con máis orzamento do Estado semellan unha muralla practicamente infranquábel para o modesto Lugo... ou quizais non?

Paulo Alves, o adestrador que substituíu Munitis, non tira a toalla e cre que coas palabras "confianza" e "motivación" por bandeira tratarán de gañar un choque que servirá, ademais, para homenaxear o recentemente retirado Diego López, que recibirá a insignia de ouro albivermella e realizará o saque de honra ante o aplauso dun público que ateigará as bancadas.

Oportunidade única de facer historia para o Rácing

Se hai un momento, é este. O Rácing de Ferrol ten ante si unha oportunidade única para estar no bombo dos oitavos de final da Copa, porque nunca a diferenza entre ambos os conxuntos foi menor.

Os Diaños Verdes, segundos clasificados na Segunda División -o que equivale ao ascenso directo á Primeira- reciben na Malata o domingo ás 16 horas un Sevilla no que, entre outros, militan dous campións do mundo como son Jesús Navas e Sergio Ramos, pero que leva moitos meses inmerso nunha crise institucional que tivo a súa réplica sobre o céspede e que ten os hispalenses con só un punto de vantaxe co limiar do descenso.

Xa que logo, a pesar da teórica superioridade andaluza non é descartábel en absoluto que os pupilos de Cristóbal Parralo pesquen en augas revoltas e, de paso, vinguen 85 anos despois a derrota ferrolá na final copeira do ano 1939. Polo menos así o cre o lateral Brais Martínez, quen cunha euforia indisimulábel predixo "un día moi bonito".  

Regresa o líder da Primeira Federación Feminina 

Acabou a espera. O Real Club Deportivo da Coruña, líder da Primeira Federación Feminina, a segunda categoría estatal, regresa á acción tras tres semanas de inactividade nun choque que o enfrontará co Albacete Fundación ás 12 horas da tarde do domingo nos campos de Abegondo.

Irene Ferreras, responsábel técnica das branquiazuis, manifestou que as súas xogadoras chegaron das vacacións "con máis enerxía da que se foron", e confía en que poidan ser quen de dar "continuidade" á boa xeira de xogo e resultados que mantiñan antes das festas do Nadal. 

Comentarios