Fútbol

Sorteo de Copa: os Reis Magos adiántanse en Lugo e Ferrol

O Celta xogará contra o Amorebieta de Segunda mentres o Lugo recibirá o Atlético de Madrid e o Racing, o Sevilla.
O Sevilla xogará na Malata. (Foto: LFP).
photo_camera O Sevilla xogará na Malata. (Foto: LFP).

A sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) na localidade madrileña das Rozas acolleu onte o sorteo da terceira rolda da Copa do Rei, deparando que o Celta de Vigo xogue contra o Amorebieta e o Lugo co Atlético de Madrid, así como un Rácing de Ferrol-Sevilla, como eliminatorias con equipos galegos implicados.

De entre todas elas, a que xerou máis euforia foi a que levará á cidade da Muralla aos Oblak, Azpilicueta, Koke, Llorente, Griezmann, Morata e compañía, na que será a primeira visita dunha escuadra de Primeira División ao Ángel Carro desde a do Levante durante o torneo do KO de 2018.

Pero, o que é máis importante, este encontro supón o primeiro enfrontamento da entidade albivermella cun dos grandes equipos do Estado, algo que en Lugo interpretan como un agasallo de Reis anticipado, dado que o partido -a falta de que a RFEF oficialice as datas e os horarios definitivos terá lugar ou ben o propio día 6 ou o día 7 de xaneiro- promete encher as bancadas. "[O resultado do sorteo] Foi unha alegría tanto para corpo técnico, xogadores, e traballadores de oficina como para toda a cidade, sentímonos moi afortunados", manifestou o director deportivo lucense, David Peláez.

Pola súa parte, en Ferrol tamén terán a oportunidade de ver en vivo no seu campo, A Malata, outro dos principais equipos da elite, aínda que este en concreto está sumido nunha fonda crise de resultados desde a pasada tempada, o Sevilla Fútbol Club.

Quen sabe se o bloque revelación da categoría de prata volverá dar a sorpresa, igual que na fase anterior cando eliminou un Leganés que chegaba como favorito dada a súa condición de líder da Segunda, sendo quen de dar outro campanazo e deixar fóra un conxunto hispalense no que militan dous homes campións do mundo, os veteranos Jesús Navas e Sergio Ramos. 

Finalmente, horas despois de sumar un partido máis sen gañar na Liga (0-0 ante o Raio Vallecano nun choque no que ofreceu unha imaxe moi pobre), o Celta de Benítez coñeceu -grazas ao arbense do Eibar Yoel, man inocente do sorteo- que na única competición na que a sorte lle sorrí o seu contrincante será o Amorebieta.

A final de 1939, 85 anos despois

Apenas mes e medio despois da fin oficial da guerra civil española, o 14 de maio de 1939, comezaba a primeira competición futbolística oficial baixo a ala do Réxime, unha proba que recibiu a denominación de Torneo Nacional de Fútbol e que a finais da tempada sería equiparada pola Federación á que durante a II República se chamaba Copa de España e que desde 1940 sería a Copa do Xeneralísimo, a actualmente coñecida como Copa do Rei.

No sorteo estaba o Rácing de Ferrol pola súa condición de vixente campión galego como único representante do país, clasificándose automaticamente a cuartos de final logo da renuncia da selección de Asturias. Nesa rolda inicial conseguiu derrotar á Real Sociedade -aínda Donostia Football Club, o seu nome de 1931 a 1940- por un resultado global de 3-1, obtendo o boleto para unhas semifinais nas que superou o Barakaldo Oriamendi por 3-2.

 Xa na finalísima, disputada en Barcelona o 25 de xuño de 1939 ante 60.000 espectadores, os Diaños Verdes non tiveron opción ante un Sevilla que se impuxo por 6 a 2.

Comentarios