Fútbol

Douvikas salva o Celta na Copa e pide paso

O dianteiro grego marcou en Sestao os dous goles da vitoria. Leva catro goles en 387 minutos entre Liga e Copa.
Douvikas marcou os dous goles ante o Sestao. (Foto: RC Celta)
photo_camera Douvikas marcou os dous goles ante o Sestao. (Foto: RC Celta)

Apenas 387 minutos en 13 partidos de Liga e Copa suma o grego Tasos Douvikas, máximo goleador o pasado curso da Eredivisie neerlandesa con nada menos que 24 goles. Desde que chegou ao Celta, porén, o seu protagonismo minguou considerabelmente en favor dun Jørgen Strand Larsen que esta tempada leva un tanto máis que el, cinco, pero con máis de 1.200 minutos ás súas costas e 15 titularidades, fronte a só tres de Douvikas —unha en Liga e dúas en Copa, e disputando o encontro enteiro só ante o Turégano—.

E esta quinta feira o dianteiro foi determinante para evitar que os de Rafa Benítez caesen eliminados polo Sestao River da Primeira Federación. Primeiro estreou o marcador no minuto 17, quedando só ante o porteiro e definindo sen maior dificultade tras un pase do canteirán Miguel Rodríguez, e logo desfixo no minuto 78 o empate —por mor dun gol en propia de Unai Núñez— desde os 11 metros, previo penalti —dubidoso— sobre Kevin.

Tasos Douvikas foi en terras vascas o xogador máis destacado dun equipo que sufriu para pasar de rolda e que só conseguiu tirar tres veces a porta. O acerto na área rival e sobre todo a creación de perigo é precisamente un dos principais problemas que lastran os de Benítez.

O Celta está xa nos dezaseisavos de final da Copa, pero o foco segue posto na competición ligueira, pois os escasos nove puntos —unha vitoria e seis empates— logrados nos 15 primeiros partidos sitúan o equipo dous puntos por baixo da permanencia. A próxima cita é ante o Raio en Vallecas e, tras unha nova actuación salientábel de Douvikas, o celtismo cre que Benítez debe darlle a titularidade.

Comentarios