A Volta á Galiza botará a rodar en Lugo

A primeira etapa do 'Gran Camiño' rematará en Sarria o 23 de febreiro
O acto de presentación da carreira tivo lugar ao pé da icónica Muralla de Lugo durante a xornada de onte. (Foto: Deputación de Ligo).
photo_camera O acto de presentación da carreira tivo lugar ao pé da icónica Muralla de Lugo durante a xornada de onte. (Foto: Deputación de Ligo).

A cidade de Lugo será o punto de inicio da Volta Ciclista á Galiza, proba que neste inminente 2023 botará a rodar o 23 de febreiro e que un ano máis recibirá o sobrenome de O Gran Camiño. 

"Coa Muralla e o Camiño Primitivo como pano de fondo, a cidade de Lugo será escenario dunha etapa, a primeira desta nova Volta á Galiza, que culminará en Sarria, punto de referencia do Camiño Francés". 

Así se deu a coñecer durante o acto de presentación do certame durante a xornada de onte, un acto no que interviñeron o deputado de Deportes, Efrén Castro; o tenente-alcalde de Lugo, Rubén Arroxo; o responsábel da organización, Ezequiel Mosquera; e o ex ciclista Álvaro Pino, embaixador do evento. Ademais, tamén estiveron presentes a vicepresidenta da Deputacíon de Lugo, Maite Ferreiro; a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López; e o concelleiro de Infraestruturas, Álex Penas. 

Efrén Castro resaltou a "capacidade que ten o ciclismo para mostrar o noso país", e enmarcou, nese contexto, "a decisión sobre o percorrido, que ten como referencia dous puntos icónicos, como son a Muralla de Lugo e o Camiño Primitivo, na saída, e Sarria, referente do Camiño Francés, na chegada". A falta de concretar o trazado, Castro adiantou que será "un escaparate para o patrimonio arquitectónico e natural de Lugo e do sur da provincia".

Pola súa parte, o tenente alcalde, Rubén Arroxo, agradeceu á Deputación -que patrocina a proba- e á organización que "contasen para a saída con Lugo, e concretamente coa Muralla, un patrimonio que temos que seguir potenciando". "E unha boa forma de facelo é con eventos como este, que se vai poder ver en pantallas de todo o mundo", engadiu.

Catro etapas co Jumbo Visma como favorito

O Gran Camiño estará conformado por un total de catro etapas que se desenvolverán entre o 23 e o 26 de febreiro, "unha por cada unha das provincias galegas", din desde a organización. No eido estritamente deportivo, o favoritismo recae no mellor equipo do momento, o Jumbo-Visma, no que destaca Primož Roglič, tres veces gañador da Vuelta Ciclista a España.

Comentarios